Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte


O 23 de xuño de 2020, véspera do día de San Xoán, botou a andar a Asociación en Defensa da Costa da Morte (ADECOM), un colectivo que aspira a converterse na primeira gran entidade da sociedade civil da nosa comarca.

Esta iniciativa nace a proposta dun grupo de entidades e persoas a título individual da bisbarra que participaron este mes nunha mesa de diálogo social, convocada en reacción ao anuncio de que a Xunta talaría o Monte Pindo, un dos espazos naturais referenciais da bisbarra. Nesta mesa de debate, entre outras problemáticas, detectouse a carencia dunha entidade social de nivel comarcal que sirva para coordinar e poñer en valor o traballo e as iniciativas que levan anos realizando moitas entidades e persoas, asi como para poñer o foco sobre os grandes retos e demandas que aínda ten pendentes a Costa da Morte.

Os seus obxectivos serán frear o despoboamento e a destrución do seu medio e da súa identidade á que a Costa da Morte parece abocada, e reclamar a débeda histórica que os gobernos teñen con esta bisbarra periférica e esquecida.

Para dar os seus primeiros pasos, ADECOM formou unha coordinadora formada por persoas de distintas entidades que veñen sendo referenciais na comarca nos últimos anos, que se presentaron voluntariamente durante a mesa de diálogo social.

Ademais, a entidade puxo en marcha as súas ferramentas de comunicación: páxina Web, Facebook e Twitter.

Graciñas a todos e todas, agora toda a veciñanza e entidades da bisbarra están convidadas a unirse para lograr que esta nova plataforma se convirta na ferramenta necesaria para construír un mellor futuro para as fillas e os fillos da Costa da Morte.

Quen desexe unirse, dar unha idea ou colaborar dalgún xeito poden contactarnos no correo coordinadora@adecom.gal.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Costa da Morte: 10 feridas abertas, 10 anos perdidos

ADECOM constituirase en Federación comarcal o sábado 19 de xuño en Corcubión