A Costa da Morte: 10 feridas abertas, 10 anos perdidos


Estas son as principais problemáticas e demandas detectadas pola nosa entidade que cremos que tamén comparten a inmensa maioría social da nosa comarca e as súas entidades. Desde ADECOM faremos todo o que esté na nosa man para que estas cuestións entren na axenda política, pois a Costa da Morte xa perdeu demasiado tempo agardando promesas incumpridas.

1. Despoboación: Unha comarca que se desangra

Se algo teñen en común a práctica totalidade das poboacións da Costa da Morte é que todas elas perden poboación a marchas forzadas, e non pode ser casualidade que sexa a única zona da costa galega onde isto sucede de maneira xeralizada.

Levamos anos escoitando promesas baleiras, sobre todo no ámbito das eleccións municipais e desde a perspectiva localista, mais o certo é que de non facer algo xa, e de continuar máis tempo esta tendencia, en poucos anos encontrarémonos cunha comarca envellecida, dispersa e que non poderá facer fronte nin sequera aos servizos públicos máis esenciais que presta á súa veciñanza.

2. Economía: Se non producimos nós, non temos futuro

A Costa da Morte leva décadas nunha dinámica de perda de poder económico continuado, co retroceso das súas principais industrias e o progresivo abandono e desincentivación dos seus recursos produtivos tradicionais (agrogandeiría e pesca) polos distintos gobernos. Isto leva a que unha comarca que tivo potencia e chegou a estar no mapa grazas á súa privilexiada posición nas rutas marítimas, hoxe en día perdeu por completo calquera referencialidade e parece condeada a converterse nunha comarca de servizos, sobre todo orientados ao turismo estacional dun ou dous meses ao ano.

É necesario revertir esta regresión, recuperando o lugar que a Costa da Morte tivo na economía, cambiando o modelo de consumo e implantando a economía circular, recuperando e potenciando os sectores primarios e secundarios e cambiando de modelo o sector terciario (servizos), para xerar emprego de calidade que estimule á veciñanza e sobre todo á mocidade a permanecer e asentarse aqui. Só asi poderemos soñar sequera con frear a despoboación.

3. Infraestruturas: A periferia sen tren nin autovía

Superada a quinta parte do século XXI, a Costa da Morte segue a ser discriminada, sendo unha das principais zonas de sombra dos mapas ferroviario e de autoestradas galegos, atopándose a maior parte da comarca a máis de 40 km. da autoestrada e a máis dunha hora en coche da conexión ferroviaria máis próximas. A situación das súas infraestruturas é o mellor baremo do que importaron aos distintos gobernos da Xunta e do Estado esta comarca.

O "Tren das tres C"

Hai máis dun século (1907) que o Consello de Ministros aprobou e dotou dunha partida orzamentaria o "tren das tres C" (Coruña, Carballo e Corcubión). Xamais chegou a instalarse unha travesa.

Autovía da Costa da Morte

Tras décadas de promesas, e co proxecto aprobado e orzamentado, intereses políticos e económicos levaron a Xunta a permitirlles a empresa recortar o proxecto previsto inicialmente ata Brens, logo ata Berdoias e finalmente, permitíronlles paralizar as obras cando apenas se completaran ata Santa Irene (Vimianzo), mais pagando o dobre do que estaba orzamentado.

Autobuses

Desgrazadamente o sistema de autobuses "públicos" tampouco reflicten máis interese pola nosa bisbarra, e novamente alén de promesas electorais, cada ano que pasa seguen a perderse liñas, frecuencias e en definitiva calidade do servizo que se presta á veciñanza e mesmo no eido escolar, supostamente regulado pola Xunta, onde os problemas son constantes.

4. Natureza: Nin un só metro máis protexido

Xunta e goberno central levan máis dunha década sen investir en protexer ningún espazo natural na Costa da Morte. Fóra dunha cuestionable ampliación da "Rede Natura", figura de ámbito internacional que se ten denunciado que en Galicia non existe alén do papel, ningunha das demandas de protección dos valiosos espazos naturais da bisbarra foi atendida: nin a inclusión das Illas Lobeiras no Parque Nacional Illas Atlánticas, nin a potente iniciativa para a  declaración do Monte Pindo coma primeiro Parque Natural da nosa comarca, nin a apremiante protección dos Penedos de Pasarela e Traba, a do río Xallas coa súa magnífica e única fervenza submetida aos caprichos dunha empresa privada, ou a Devesa de Anllares ameazada polas instalacións hidroeléctricas... nin ningún xeoparque.

Isto levou a un progresivo deterioro do medio natural da Costa da Morte, por causa de (p. ex.) iniciativas industriais destrutivas e contaminantes, o urbanismo descontrolado, o monocultivo de eucalipto, os incendios, o mal uso derivado da falta de medidas de vixiancia e protección, etc. Deterioro que nalgúns casos é irreversible.

Esiximos estas e outras medidas de protección dos espazos naturais da nosa bisbarra, asi coma a tramitación da figura internacional de Reserva da Biosfera para o conxunto da Costa da Morte.

5. Modelo forestal: eucalipto, incendio, tala e abandono

Estas catro palabras poderían ser o epitafio do noso monte, se non corriximos canto antes as políticas da Xunta que nos levaron a este punto. A aposta descarada da Xunta polo monocultivo do eucalipto coma única opción para a xestión forestal, para satisfacer a dúas multinacionais do sector, levou a que moitas comunidades de propietarios e particulares sucumbiran antes ou despois a esta concepción que hipoteca o futuro dos nosos montes.

ADECOM aposta por implantar un modelo alternativo, similar ao Banco de Terras (BANTEGAL) que promova a progresiva substitución do eucalipto, estableza rotacións e ciclos de moi curto, curto, medio e longo prazo para obter un determinado rendemento para as comunidades, de xeito que se poida producir de xeito sostible, respectando os espazos naturais máis valiosos que xa xeran un retorno importante para as comunidades locais. Cun monte ben coidado, diversificado e rentable a todos os niveis para as comunidades locais, temos a convicción que en poucas décadas os incendios serán tan só un mal recordo do pasado.

6. Habitabilidade: As casas sen xente, e a xente sen casas.

En canto ao mercado inmobiliario, a nosa comarca caracterízase polo altísimo volume de casas baleiras, o nulo investimento en vivenda de promoción pública ou de protección oficial e pola irrupción de plataformas coma Airbnb que tenden a ir orientando a xa escasa oferta inmobiliaria exclusivamente ao mercado turístico estacional, pois moitas e moitos arrendadores cren que lles compensa "gardar" a propiedade -aínda baleira- o resto do ano, agardando os altos alugueres que lles pode reportar o verán. Isto está a provocar graves problemas de habitabilidade á veciñanza da Costa da Morte, e en especial á súa mocidade, que cada vez ten máis difícil emanciparse a través do mercado de alugueiro. Isto provoca que ainda nos raros casos en que unha moza ou mozo decide establecerse pola súa conta na Costa da Morte, dificilmente logra facelo polas trabas para atopar unha vivenda digna.

ADECOM esixe que se recupere a promoción de vivenda pública e de protección oficial, que se impulse a activación e a rehabilitación da inxente bolsa de vivenda parada ou abandoada da bisbarra, e que se reserve unha porcentaxe do mercado inmobiliario suficiente para atender a demanda de alugueiro por periodos anuais.

7. Servizos públicos: Que nenez e vellez non sexan un negocio.

A Costa da Morte é unha comarca moi afectada polo avellentamento poboacional, a dispersión xeográfica e a dificultade das familias, obrigadas a ocuparse e participar no mundo laboral, para coidar ás persoas que o precisan. Isto acentúa aínda máis a necesidade de que sexan as administracións públicas as que atendan esta demanda.

Nos últimos anos a Xunta apoiou descaradamente o modelo de servizos sociais privados ante os públicos. Isto levou a unha perda progresiva de prazas nos servizos asistenciais, tanto destinadas ás nosas persoas maiores coma ás cativas, no eido público, chegando mesmo ao peche dalgún centro (Centro de Día de Carnota) ou a non apertura do Centro de Día de Corcubión tras unha década. Detrás desta estratexia, é evidente a intención de deixar a cancha libre a aquelas empresas que queren facer caixa coa saúde e o benestar das persoas necesitadas. Na nosa man, coma persoas concienciadas, está facerlle fronte a quen considera as necesidades asistenciais das persoas como unha oportunidade para facer negocio, e tenta aproveitarse das institucións públicas para logralo.

8. Alerta patrimonio: o risco de perder o que somos

Igual que dixemos co medio natural, o patrimonio cultural, histórico e arqueolóxico tampouco foi atendido na nosa comarca polas diferentes administracións, con raras excepcións. Cóntanse cos dedos dunha man os xacementos que foron estudados e postos en valor como é debido, e no caso das numerosísimas manifestacións de patrimonio cultural aínda é máis acuciante. E todo isto malia ser unha das rexións con maior concentración deste tipo de patrimonio, contando con mostras de cultura popular de practicamente todas as épocas da Historia.

Este abandono e desinterese permitiu que moitas mostras do noso patrimonio cultural fosen danados ou mesmo destruídas definitivamente, ben por actuacións públicas ou privadas desaprensivas, ben polo espolio. Aínda agora, moitas administracións están comezando a preocuparse sequera de catalogar e protexer (cando menos no papel) o seu patrimonio.

ADECOM esixirá por poñer no mapa o patrimonio cultural, histórico e arqueolóxico da Costa da Morte, a súa recuperación e posta en valor, o seu estudo e divulgación... pois é o noso tesouro máis valioso: aquel que, nin máis nin menos, nos fixo o que somos ao longo de miles de anos.

Turismo masificado: a oportunidade que nos está a depredar

Cando nos venderon a panacea do turismo como alternativa á desindustrialización ou mesmo para xustificar o desmantelamento do noso tecido produtivo "tradicional", nada nos faría imaxinar que o prezo era que se acabara poñendo a economía dunha comarca enteira ao servizo dun tipo de turismo masificado e enteiramente estacional, dun ou dous meses ao ano. Toda esa aposta das administracións, nucleada principalmente en torno aos vectores do Camiño de Santiago e das praias, é dicir a unha soa carta, xerou un elevado nivel de dependencia económica dun tipo de turismo que cada vez resulta máis destrutivo para as comunidades locais, que provoca xentrificación e tende a homologar as nosas aldeas e vilas con calquera do Levante. Esta visión non ten nada de apocalíptica, pois xa temos analisado que está comezando a verse nos principais destinos turísticos da nosa bisbarra, por certo co aplauso das administracións e das súas organizacións satélite.

É necesario abandonar ese modelo suicida e apostar por un alternativo, baseado na posta en valor da Costa da Morte tal e como é, que se debe ofrecer a quen queira gozala mergullándose no seu estilo de vida labrado durante miles de anos pola terra, a pedra e o mar. Esta filosofía "lenta", tende a xerar unha vivencia moito máis completa e enriquecedora, didáctica e de calidade para a persoa que nos visita, e tamén un retorno moitísimo maior para as comunidades locais, non só en forma de ingresos económicos puntuais senón de novas experiencias e oportunidades.

10. Perder a identidade é perder a forma de vivir na Fin da Terra.

ADECOM ten analisado que a suma dos anteriores factores está levando á progresiva desaparición dos rasgos de identidade da Costa da Morte coma pobo, incluíndo a unicidade das súas expresións culturais, artesás... incluíndo por suposto a propia maneira de pronunciar o noso idioma.
As distintas administracións, en lugar de ocuparse de atesourar os seus principais rasgos diferenciais, aquelo que nos conforma e da razón de ser no Universo, celebrou esta repentina ruptura con todo aquilo que nos fai ser coma se iso significase a automática entrada na "modernidade", sen decatarse que en realidade nos están condeando á desaparición, ou á asimilación se se quere, pois polo camiño tamén deixamos aquelo que nos permitiu chegar a onde estamos, e o legado dos nosos devanceiros.

E se o cambiamos?




A Costa da Morte é unha Costa chea de vida desde hai miles de anos, e do que nós fagamos nos próximos días, meses e anos dependerá que o siga sendo miles máis.

Convidamos a todas as persoas que se sintan identificadas nas anteriores reflexións a sumarse a ADECOM e axudarnos a loitar para poñer remate ao esquecemento e abandono ao que parecen querer condenarnos.

Comentarios

  1. Enhoraboa po la creación da asociación ADECOM, facía moita falta. Podedes contar coa miña colaboración para o que necesitedes.
    Acabo de publicar esto: https://www.facebook.com/juan.santisoiglesias/posts/3134371149975018

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas a ti Juan, acabamos de crear un formulario para xestionar as colaboracións, se o desexas por favor cúbreo: http://www.adecom.gal/p/unete.html
      Un saúdo!

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica