ADECOM constituirase en Federación comarcal o sábado 19 de xuño en Corcubión

Logo de case un ano de reflexión colectiva iniciada a noite de San Xoán do ano pasado, finalmente as persoas e entidades que neste tempo formamos parte da Comisión de Coordinación, recollendo un amplo sentir da sociedade da Costa da Morte, concluímos a necesidade de constituír legalmente unha Federación de ámbito comarcal con vocación de crear unha comunidade ecosocial, natural e cultural que atinxa e defenda os intereses da nosa bisbarra, acuciada máis que nunca por distintas ameazas que requiren dunha resposta social inmediata, e que non pode ser atomizada senón global, coordinada e enfocada a destinar o máximo esforzo a protexer os nosos recursos e intereses da depredación total por empresas sen escrúpulos que operan co parabén do goberno da Xunta.

Parte da coordinadora de ADECOM, reunida o
pasado domingo 18 de abril no Pindo (Carnota)


Deste xeito, a sociedade da Costa da Morte e as súas entidades están chamadas a participar na Asemblea Constituínte de ADECOM, que terá lugar (se a situación sanitaria o permite) o sábado 19 de xuño, desde as 11:00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Corcubión*, convocada coincidindo co Día da Terra.

A este evento están convidadas (previa confirmación de asistencia en asemblea.adecom.gal) as entidades sociais da Costa da Morte que desexen federarse. Ademais, aquelas persoas que queiran poderán afiliarse individualmente; porque cando o que máis queremos está en perigo, é máis urxente que nunca sumar.

Os grandes retos que a Costa da Morte ten por diante

ADECOM elixiu Corcubión para a súa posta en marcha precisamente por ser un dos dous concellos da bisbarra (xunto a Carnota) que, asumindo a presión social, aprobou declararse libre de eucaliptos, tratándose a oposición ao monocultivo masivo de eucalipto, con todos os problemas que implica, dunha das grandes batallas que o noso colectivo asumirá desde o seu nacemento.

Reunión de parte da coordinadora de ADECOM
o 4 de abril no Monte da Ruña (Mazaricos)

Outra das grandes frontes que acometerá ADECOM será xestionar a resposta veciñal ante os macroproxectos eólicos que ameazan nestes momentos os principais espazos naturais da nosa comarca, asi coma a loita contra os proxectos de megaminaría que certas multinacionais tentan poñer en marcha na nosa bisbarra.

Asi mesmo, ADECOM oporase ao turismo estival masificado coma única alternativa económica, modelo que nos condea ao atraso e á dependencia, combaterá a perda de patrimonio e biodiversidade, loitará contra a contaminación a todos os niveis, e tentará mediante a conciencia social e a divulgación propiciar un novo modelo económico limpo e sostible, que permita fixar poboación na zona e mellorar a calidade de vida da veciñanza da Costa da Morte, partindo desde o respecto ao medio natural, o patrimonio cultural e o resto de expresións da nosa identidade coma pobo.

* Para participar no evento será obrigatorio seguir todas as instrucións e medidas fixadas por autoridades locais e organización para previr o contaxio de Covid-19.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica