Preguntas e respostas

1. Que é ADECOM?

ADECOM é unha plataforma nacida da sociedade civil da Costa da Morte.

2. Que significa ADECOM?

Son as siglas de Asociación en defensa da Costa da Morte.

3. Quen a forma?

ADECOM está formada por entidades sociais da Costa da Morte, coma Na Area en Fisterra, Monte Pindo Parque Natural en Carnota, Boca de Sapo en Corcubión, Pan de Raposo en Cee ou Abubela en Mazaricos, asociacións veciñais, comunidades de montes (Ézaro, Caldebarcos)... e tamén por moitas persoas que desexan estar a título particular, sen representar a ningún colectivo.

4. Cal é a función de ADECOM?

Nada máis (e nada menos) que articular a sociedade civil da Costa da Morte, axudarlle ás súas entidades a coordinarse e entenderse mellor, e definir unha axenda para a Costa da Morte que deberá asumir sexa quen sexa que goberne.

5. Cales son os seus obxectivos?

Frear a destrución ecolóxica e da nosa identidade, revertir o despoboamento crónico e superar co modelo turístico masificado e estacional como única e moi perversa opción de futuro, á que parece abocada a Costa da Morte.

6. Como se pretenden conseguir?

Cremos que a alternativa pasa polo desenvolvemento sostible da comarca, que recupere do esmorecemento e potencie os seus sectores primario e secundario, e que aposte por un sector terciario e de servizos moi diferente, non enfocado exclusivamente a un turismo estacional, masificado e depredador, senón desestacionalizado, de calidade e de ritmo lento, nutrido por persoas que queiran mergullarse na nosa comarca e gozar do seu estilo de vida. E sobre todo, queremos que se respecte a nosa biodiversidade e os nosos signos de identidade, pois sen eles non somos nada.

7. Cales son os retos medioambientais da Costa da Morte?

Frear a perda de biodiversidade derivada de talas ou incendios controlados ou descontrolados, parar de vez a eucaliptización atroz que se está producindo, apostando pola diversificación dos montes que combine respecto pola vida natural cun retorno para as comunidades que o coidan. Un mar vivo, que sexa explotado sostiblemente como se leva facendo miles de anos. Cambio de modelo de xestión dos residuos, acabando coa incineración, e imitando os que operan en Lousame ou Allariz. Defensa dos nosos principais espazos naturais con figuras coma a do parque natural do Monte Pindo, distintos xeoparques ou mesmo a declaración da Costa da Morte coma Reserva da Biosfera da UNESCO. Posta en valor do noso patrimonio cultural, histórico e arqueolóxico para salvagardar a nosa paisaxe humana e aproveitala en beneficio de toda a sociedade.

8. Por que o "raio verde" como símbolo?

É un dos fenómenos naturais máis apaixoantes e cautivadores que poden verse na fin da terra atlántica, perseguido por moitos pero moi rara vez alcanzado. O mes pasado Manuel María Candamo logrou fotografalo na nosa bisbarra e pareceunos un símbolo espectacular.

9. Como se organiza ADECOM?

Creamos unha coordinadora moi dinámica entre as persoas que participamos no mes de xuño de 2020 nunha mesa de diálogo social, e repartímonos as diferentes tarefas entre esas persoas.

10. Canto custa afiliarse e que podo facer para participar?

ADECOM non ten socios nin socias, nin tampouco cotas nin fondos: fórmase por e para quen lle queira á Costa da Morte e non lle guste como está nestes momentos. Para botar unha man non fai falta nada máis que facérnolo saber a coordinadora@adecom.gal ou cubrir este formulario.

11. Unha asociación sen socias e socios, sen cotas, sen presidencia, estatutos nin xunta directiva, non é un pouco atípica? 

As persoas e entidades que a promovemos consideramos que estes nosos primeiros pasos deben servir para definir entre todos e todas o que queremos que sexa ADECOM; dedicar as nosas enerxías durante semanas ou meses de debate a elixir "liderazgos", formar a directiva e elaborar os estatutos é precisamente algo no que non quixemos enfoscarnos na súa fase inicial, senón debatir o que queremos ser e sinalar as demandas da nosa comarca. No futuro, se funciona ben e o vemos necesario, podemos dedicar máis tempo a eses aspectos formais.

12. Non corre o risco de acabar coma Neria ou a CMAT? 

É imposible, polo simple feito de que ADECOM é un instrumento nacido da sociedade civil da Costa da Morte, cousa que nunca foron nin quixeron ser Neria ou a CMAT, que son máis ben asociacións de intereses, sexan de tipo político ou económico.

13. Cal é o soño de ADECOM? 

Contribuír a que a veciñanza da Costa da Morte do futuro herde un territorio protexido, desenvolto, con oportunidades de vida e traballo, do que sentirse orgullosa. Mais para iso queda moito traballo por facer.

14. Como podo seguir as vosas actividades?

Contamos coa páxina web adecom.gal e con espazos nas redes sociais Facebook e Twitter, asi coma un grupo de difusión da nosa actividade en Telegram.

15. Quero sumarme!

Xenial! Só tes que escribirnos a coordinadora@adecom.gal ou cubrir este formulario.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

ADECOM constituirase en Federación comarcal o sábado 19 de xuño en Corcubión

A Costa da Morte: 10 feridas abertas, 10 anos perdidos

ADECOM e veciñanza de Berdoias concéntranse contra os macroproxectos eólicos