Con motivo do Día mundial das Montañas, o sábado, 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica, Así Non” apoiada por máis de 170 colectivos de toda Galiza, convoca á sociedade galega a unha nova grande mobilización fronte a invasión eólica baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”. A cita na nosa comarca será ás 10:00 horas no lugar do Fieiro (Mazaricos), desde onde emprenderemos unha marcha reivindicativa ata a Moa, cume do Olimpo Celta, onde desenvolveremos unha impactante acción simbólica de denuncia do expolio eólico. A mobilización está convocada por ADECOM, exercerá de anfitriona a Asociación Monte Pindo Parque Natural (cuxo presidente Xilberto Caamaño nos guiará na subida) e contará co apoio de ADEGA, Plataforma en Defensa do Monte das Salgueiras e Ecoloxistas en Acción. Agardamos poder contar con todos e todas vós!