Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Corcubión acolliu o pasado sábado o foro de debate "Eucalipto: presente e futuro?", que evidenciou a necesidade de superar o monocultivo de eucalipto nos nosos montes, modelo do que só se está a beneficiar unha empresa e que ademais provoca problemas graves medioambientais, de seguridade para as persoas e de perda de calidade de vida no medio rural, co conseguinte abandono do mesmo.

A asistencia ao debate, que tamén se retransmitiu por Internet, coincidiu en sinalar as consecuencias catastróficas que o monocultivo masivo de árbores alóctonas (sobre todo de Eucalyptus) supón para os montes da comarca, mais tamén que existe unha mentalidade moi instaurada na poboación que vai ser difícil de mudar, pois certas empresas -coa connivencia da Xunta- levan moitos anos investindo grandes sumas en promover a falsa idea de que o eucalipto é a "única opción rentable" para o monte.

Polo contrario, no debate evidenciouse que ante a procura do beneficio inmediato e curtopracista que oferta eses intereses, existen outros modelos moito máis rendibles tanto para as comunidades locais como para o medio natural, que pasa pola diversificación de especies arbóreas, o gando autóctono, a silvicultura ou a apicultura, entre outras, que ademais de supoñeren un maior beneficio a todos os niveis melloran o entorno de tal maneira que mesmo poden beneficiar a outros sectores económicos, cousa que non acontece co eucalipto.

A coordinadora de ADECOM valora moi positivamente a acollida deste chamamento por parte de entidades sociais, comunidades de montes e tamén persoas profesionais e expertas do sector, xunto con outras non tan expertas pero tamén moi interesadas no devir dos nosos montes. Todas elas ofreceron os seus distintos puntos de vista e compartiron proxectos que poden ser interesantes para aplicar na Costa da Morte, e que sen dúbida seguiremos explorando no futuro coa colaboración de todos os sectores da sociedade implicados.

Para iso ADECOM puxo en marcha un grupo de traballo ao que se poden seguir sumando máis entidades e persoas interesadas en traballar polo futuro dos montes da Costa da Morte.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

ADECOM constituirase en Federación comarcal o sábado 19 de xuño en Corcubión

ADECOM e veciñanza de Berdoias concéntranse contra os macroproxectos eólicos

As alcaldías da Costa da Morte deben situarse á fronte da veciñanza afectada polos eólicos