Éxito da xornada contra os macroproxectos eólicos, que xa xera interese internacional
Máis de medio cento de persoas acudiron a pesar do mal tempo ás Xornadas Informativas que tiveron lugar o pasado sábado en Carballo, convocatoria lanzada pola Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra e apoiada por ADECOM e outras entidades da bisbarra, para coñecer e denunciar os macroproxectos eólicos cos que varias multinacionais pretenden -coa complicidade da Xunta- asulagar a nosa bisbarra.
No micrófono sucedéronse as distintas voces críticas representando a cada colectivo, cada unha achegando a súa visión do mesmo problema, cunha idea en común: non se está en contra da enerxía eólica coma concepto, senón de que se estén proxectando con este enfoque neocolonial, onde o noso territorio se utiliza exclusivamente para xerar enerxía que se venderá a milleiros de quilómetros para que as empresas se queden cos beneficios (e ademais, multimillonarios), mentras que aqui só deixan prexuízos.
O evento converteuse nun auténtico acto de repulsa ao que estas corporacións tentan facer, que é enganar á veciñanza para que se resignen e acepten sen máis uns proxectos que só as benefician a elas, mais que destruirán para sempre a nosa paisaxe convertindo as nosas aldeas nuns lugares menos desexábeis para vivir, cun retorno ínfimo para as comunidades locais.
![]() |
Cartel e folleto de ADECOM |
Un equipo técnico da televisión pública
holandesa desprazouse a Carballo para cubrir o acto e incorporar este
clamor social contra os macroproxectos eólicos á súa serie-documental "Cartas de España", dirixida por Stef Biemans, que rodan nestes momentos en Galiza, secuela da premiada serie "Cartas de Andalucía" que obtivo o Silver Nipkow Disk, o premio máis importante da televisión holandesa. ADECOM colaborou activamente neste proxecto e de feito unha compañeira escenificou a oposición da nosa bisbarra a este expolio mediante unha pequena toma que formará parte da metraxe final da serie. Tristemente,
mentras a loita veciñal chega de cheo aos medios públicos
internacionais, os medios públicos galegos nin sequera se interesaron de
momento pola nosa actividade.
ADECOM aproveitou o acto para presentarse en sociedade e desmentir os principais tópicos e mentiras que se están difundindo sobre estes proxectos para lograr o apoio da veciñanza á súa implantación, co lanzamento dun cartel e un folleto informativos titulados "Non caiamos na trampa eólica" que xa se está distribuíndo entre a veciñanza destes proxectos, desmontando unha estratexia do capital que conta coa complicidade da Xunta, cuxos actores acaban en moitos casos vendo recompensado o seu apoio a estes proxectos mediante prebendas e incluso a "fichaxe" para os seus Consellos de Administración, como vén de facer Greenalia coa ex-conselleira de Medio Ambiente do PP Beatriz Mato tras aprobárenlle 5 proxectos, segundo divulgou o xornal Nós Diario.
![]() |
ADECOM desminte as mentiras coas que xustifican os proxectos |
Comentarios
Publicar un comentario