As alcaldías da Costa da Morte deben situarse á fronte da veciñanza afectada polos eólicos

A recén estrada Comisión Rectora da Asociación en Defensa da Costa da Morte presentou hoxe escritos na totalidade dos municipios da Costa da Morte afectados por novos proxectos "macroeólicos", instando ás súas alcaldías, gobernos locais asi coma ao conxunto das corporacións municipais a colocarse á fronte das veciñanzas afectadas.

ADECOM explicoulles que o gran volume de proxectos presentados está a desbordar ás entidades sociais, o que provoca que moita da veciñanza afectada por estas solicitudes se teña que enterar das mesmas por unhas poucas liñas na prensa, o que causa unha perigosa situación de descoñecemento sobre os mesmos e as verdadeiras consecuencias que poderían estar a xestarse para as súas vidas e o seu territorio, o que as empresas trasnacionais detrás destes proxectos aproveitan para gañarse a simpatía veciñal.

A nova entidade social comarcal convidou a alcaldes e alcaldesas e resto de membros das corporacións locais a liderar o seu tecido veciñal e dotalo de todas as ferramentas e instrumentos para participar de forma informada nestes proxectos, incluíndo o asesoramento para formular alegacións, se o desexan.

Escrito remitido ás alcaldías da Costa da Morte

Comunicación á Alcaldía-Presidencia
(con rogo de difusión aos distintos grupos da Corporación Municipal)


A Costa da Morte está a recibir, tal vez coma nunca antes na Historia, o interese de empresas enerxéticas transnacionais que están a solicitar autorización para construír novos proxectos eólicos en practicamente todos os municipios, tamén no seu. Estes novos proxectos pouco ou nada teñen que ver cos muíños que tradicionalmente coñecemos e xa existían na bisbarra, pois mentras aqueles xeraban menos de 1MW alcanzando apenas os 80 metros de altura, os novos “macroeólicos” que se propoñen triplícanos superando os 200 metros para xerar ata 10MW.

Isto tamén dispara o seu impacto visual e paisaxístico, os prexuízos para as poboacións humanas (ruído incesante, efecto estroboscópico das sombras, perda da soberanía sobre a propiedade...), as consecuencias para a biodiversidade de flora e fauna (golpeo de aves coas aspas, desertificación ecolóxica do entorno), e para o patrimonio cultural e arqueolóxico (obras para a creación das infraestruturas precisas, non só aparellos senón pistas, estacións, tendidos...)

Estamos a detectar que a maioría das veciñanzas afectadas por estes proxectos estanse a enterar dos mesmos polo tecido social, que se atopa completamente desbordado ante ducias de solicitudes simultáneas, ou incluso pola prensa, cundindo de forma xeral a desinformación sobre as consecuencias que estes proxectos poden chegar sobre as súas vidas e o noso territorio, e perdendo un tempo moi valioso para informarse, organizarse, formular alegacións...

Esta Comisión Rectora de ADECOM solicítalles a vostede, ao goberno que preside e ao conxunto da corporación do seu Concello que se sitúen á fronte da veciñanza afectada polos proxectos que se plantexen no seu municipio, recabando os informes técnicos que sexan precisos sobre os proxectos e os valores naturais, patrimoniais... que afecta, proporcionándolle á veciñanza toda a información necesaria de xeito que poidan participar de forma informada no seu debate e na tramitación, apoiándoa técnica e xurídicamente no caso de desexaren formular alegacións...

Cremos que isto é o que a veciñanza agarda das nosas Representacións Municipais. Graciñas.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica