Xeal reduce o caudal ecolóxico do río Xallas con permiso da Xunta

Segundo informacións ás que tivo acceso ADECOM, a Xunta autorizou á empresa Xeal (novo nome dos activos eléctricos e ferroaleacións na Costa da Morte da empresa Ferroatlántica, rebautizados asi tras a súa venda ao fondo TPG Sixth Street Partners) a reducir o caudal ecolóxico que libera o encoro de Santa Uxía que explota para a produción hidroeléctrica, o que xa estaría a aplicar, como se pode comprobar a simple vista do ínfimo chorro de auga que cae agora na fervenza do Ézaro.

Con esta controvertida decisión a empresa e a Xunta poderían estar a incumprir o mandato xudicial que dera a razón á entidade AEMS Ríos con Vida na súa denuncia presentada en 2010 polas continuas secas que viña provocando a eléctrica no río Xallas, e que entre outros prexuízos poñía en grave risco a supervivencia da biodiversidade nos 1,4 km do treito final do río, que contén especies protexidas e mesmo algunha en perigo de extinción, coma o Isoetes fluitans

Esa instrución xudicial obrigaba á empresa a liberar un caudal mínimo (ecolóxico) de 3,434 m³ de auga por segundo, o que se viña respectando desde 2010 ata agora, o que permitiu a recuperación e consolidación da vida natural do río e tamén que a fervenza se volva converter no inmenso atractivo que é hoxe, e xa non por ser a única fervenza "con horario de apertura".

Mais ao parecer este paso atrás obedece a un cambio de criterio de Augas de Galicia (entidade hidrográfica da Xunta), que en lugar de garantir a legalidade e a conservación do medio natural, esixindo a liberación do caudal ecolóxico estabelecido, unha década despois decide permitir á empresa liberar un volume de auga proporcional ao da entrada de auga no encoro, podendo varialo cada mes. 

ADECOM sospeita que detrás deste cambio de criterio tan arbitrario hai unha nova concesión do goberno galego ao sector eléctrico privado, que ao parecer agora conta con carta branca da Administración para impoñer os seus intereses empresariais aos da veciñanza e á conservación do medio natural en todo o País.

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica