ADECOM e AYUCO únense para combater a ludopatía e a usura na Costa da Morte

 

Os presidentes da Asociación en Defensa da Costa da Morte (ADECOM) e da Asociación de Axuda ao Consumidor (AYUCO), Mario Maceiras e Santiago Caamaño, ratificaron esta mañá un convenio de colaboración entre as dúas entidades para combater a ludopatía e a usura bancaria na Costa da Morte e tamén ofrecer asistencia xurídica gratuíta ás persoas que na nosa bisbarra foron vítimas dalgún dos fraudes bancarios máis comúns: tarxetas revolving, microcréditos, cláusulas chan hipotecarias, preferentes, etc...

As dúas entidades coinciden na súa análise de que a Costa da Morte é unha comarca moi golpeada polo desemprego, a emigración e as sucesivas crises económicas, coma as da “burbulla inmobiliaria” en 2008 e do Covid en 2020, polo que a súa poboación é particularmente sensíbel a poder caer neste tipo de trampas co engado do «diñeiro fácil», sexa a través da adicción aos xogos de azar e apostas, ou ben á hora de contratar produtos financieiros usureiros e incluso ilegais.

Texto do acordo
Asi, esta colaboración centrarase en dúas liñas principais: a atención e información sobre a ludopatía, con charlas e actividades dirixidas ás persoas con adicción aos xogos do azar e tamén a aqueles colectivos máis vulnerábeis a poder caer nela (sobre todo as capas máis empobrecidas da sociedade e a mocidade), e por outra a sensibilización sobre os produtos financieiros fraudulentos asi coma a defensa xurídica das persoas que xa foron vítimas desas estafas.

Se caes vítima, nin vergoña nin presións: DENUNCIA

Neste último senso, a mensaxe é clara: hai que reclamar sempre e non ceder á chantaxe nin ás propostas de acordo que ofertan as entidades cando se lles reclama, pois tamén teñen trampa xa que adoitan ser moitísimo peores que as sentenzas xudiciais que logo se obteñen. O convenio garantirá asistencia xurídica totalmente gratuíta ás entidades e persoas vencelladas a ADECOM que decidan iniciar unha reclamación xudicial con AYUCO.

O encontro puxo de relevo que esas empresas chegan a explicitar no propio contrato intereses claramente usureiros. Lembremos que en España o máximo xuro permitido é o 20%, a partir de aí xa se considera usura e por tanto é ilegal; pois o presidente de AYUCO indicou que están atendendo nestes momentos persoas ás que lle reclaman intereses superiores ao 3000%, asi coma casos nos que por un microcrédito "rápido" de 500€ acaban esixíndolles contías de máis de 6 mil.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica