Axenda de ADECOM

Para o mellor coñecemento e difusión da nosa actividade propia e das nosas entidades federadas, ADECOM pon en marcha a Axenda ADECOM, un calendario ao que calquera persoa pode entrar e subscribirse para ir recibindo información das actividades que vaiamos xerando. Comezamos forte esta semana, que chega completa desde Camariñas ata Cotobade, parando en Noia.

ADECOM representará á Costa da Morte nunha xornada sobre eólicos en Cerdedo

A asociación CERCO (Cerdedo - Cotobade) tivo a ben contar con ADECOM para representar a nosa comarca na xornada Poñendo cerco ao espolio eólico na Galiza que organiza este sábado 10 de xullo desde as 10:00 horas no Auditorio do Centro Cultural de Cerdedo.

A nosa entidade participará nunha mesa redonda de debate xunto con ADEGA, Salvemos o Támega (Monterrei, Vilar de Barrio e Laza), Comunidade de Montes de Vincios (Gondomar) e Asemblea do Suído (Covelo), xunto coas representacións veciñais que se enfrontan aos proxectos eólicos no Monte da Neve (Celanova), O Outeiro de San Mamede de Monte (A Baña) e Os Cotos (Cerdedo-Cotobade).

Pola tarde terá lugar a parte máis lúdica da programación, cun xantar campeiro, actividades lúdicas e un concerto a cargo de Banda Aló.

Agradecemos á xente de CERCO o seu amábel convite. 

Mar de Fábula limpa a Vasa (Camariñas) da man das mariscadoras locais

A asociación Mar de Fábula convoca tamén para este sábado día 10 desde as 9:00 horas unha limpeza de lixo no banco marisqueiro da Vasa en Camariñas, actividade que organiza xunto coa agrupación marisqueira de Camariñas que explotan este recurso.

Incidindo no chamamento feito hai uns días, ADECOM apoiamos esta acción á que convidamos a toda persoa que poida sumarse a este voluntariado.

As persoas que poidan colaborar están citadas ás 9.00 horas diante do concello camariñán. Hai que levar máscaras e a efectos de cobertura de seguros e medidas sanitarias, é preciso inscribirse non nome, apelidos, DI e idade a través do correo info@mardefabula.es ou chamando ao 608609042. As luvas e os sacos para recoller o lixo mariño serán facilitados pola administración local, que colabora coa acción.

Nesta que será a 6ª limpeza deste entorno, ademais contará coa cobertura informativa do coñecido programa de televisión Volando voy dirixido por Jesús Calleja na canle estatal Cuatro, que informará da acción e de seguro ofrecerá unhas fantásticas estampas desta paisaxe camariñá privilexiada.

Ali Vavá fai unha visita guiada á súa exposición en Noia

Este xoves 8 de xullo de 12 a 13 horas, Ali Vavá organiza unha visita guiada a súa exposición de arte feita con lixo recollido na nosa costa, inaugurada o pasado 5 de xuño no contexto da Exposición Arte da Mar acollido por Econoia, fantástico proxecto do sector marisqueiro noiés para salvar o seu medio de vida da contaminación, da Sociedade Liceo de Noia, que organiza xunto coa Asociación Mar de Fábula, Museo do Mar de Noia e Asociación A Creba.
 
A peculiar técnica de Alicia Vázquez, quen forma sociedade neste proxecto artístico xunto con Sven Schweisch, consiste na técnica mixta creada con lixo mariño que non deixamos de recomendar e que agardemos expor en pouco tempo na nosa comarca.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica