Saquemos os nosos dereitos do armario

A Costa da Morte e o resto do País uniuse antonte nunha soa voz para repudiar o asasinato de Samuel Luiz, vítima dun presunto crime homófobico a noite do pasado sábado cando saía de marcha na compañía das súas amizades. A nosa comarca acolliu concentracións en Cee, Camariñas, Ponteceso, Laxe, Carballo, Vimianzo e Malpica, co que seguramente estemos ante unha das maiores mobilizacións comarcais dos últimos tempos.


A causa non é para menos: a liberdade de expresión afectiva e sexual segue a estar en cuestión, avanzada a quinta parte do século XXI. A brutal agresión que rematou coa vida de Samuel é a punta do iceberg dunha realidade constatada: as persoas homosexuais seguen a ter problemas para desenvolver a súa vida con normalidade, e na propia semana do Orgullo vimos numerosas mostras de intolerancia en todo o noso País (1, 2, 3, 4, 5, 6...), onde 1 de cada 4 agresións teñen carácter homófobo.

O panorama na Costa da Morte tampouco é diferente: segue a ser difícil saír do armario por medo á reacción social ou familiar, e de feito moitas persoas agardan a abandoar a nosa comarca para facelo, unha vez residen en cidades por estudo ou traballo. É moi triste que unha persoa teña que agardar a marchar da nosa bisbarra para poder expresarse e amar con normalidade, coma quen realmente é. 

Compartimos as palabras e o relato dunha persoa da Costa da Morte que pasou por esta situación.

Saír do armario non sempre é fácil. Vivino nas miñas propias carnes e non é prato de bo gusto.

Paréceme un pouco forte que en pleno ano 2021 aínda se teña que saír do armario, como se fose algo que tivésemos que anunciar. Eu todavía sigo a esperar que os meus amigos saian do armario e me confesen que son heterosexuais, aínda que teño as miñas sospeitas...

O feito de abrirte publicamente e confesar que es LGTBI faise aínda moito máis complicado se vés dun pobo ou vila. O rural segue a estar moito máis pechado neste tema. Eu aínda me lembro con 10 aniños dicirlle a meu pai que cando tivera 20 anos, estaría casado (cunha muller, claro), con fillos e casa propia. Con 30 anos sigo sen ter nada diso... Xa desde ben pequenos tentan progamarnos para iso que eles definen como “normal”.

No instituto a cousa foi a peor. Eu xa me sentía atraído polo meu mesmo sexo. Maricón, “reina”, chamarme nomes en feminino a diario… Intentaba non chamar moito a atención, así ao mellor pasaban de min. Ninguén me axudou, máis que nada porque o mantiña en segredo, por vergonza. Pero creo que xa non pola miña, senón pola dos meus pais, se alguén se enteraba. Con todo isto viñeron as mozas de mentira. De tanto preguntar a xente, sentíame obrigado a ter moza para que non sospeitasen. Pero a quen lle gusta vivir unha mentira, día tras día, sen poder ser quen es e sen poder amar á persoa que ti queiras amar?

Menos mal que todo mudou cando fun á universidade, a maior liberación da miña vida. Poder ser quen eu son é o maior regalo que podía ter. Aí foi cando deixei de agocharme e non tiven que saír do armario máis, son quen son e a quen non lle guste que colla porta.

Mais aínda que a día de hoxe vivo a miña vida sendo quen eu son, ese medo segue aí. O medo de ir da man co mozo e que alguén insulte, ou inevitablemente pensar que nos poidan dar unha malleira. Non deberiamos vivir con medo por querer a quen queremos! Da igual o xénero que amemos, somos persoas querendo persoas, e o importante aí é o AMOR. Antes era o día do Orgullo, despois a semana e agora o mes do Orgullo. Pois sigamos loitando ata que sexa o ano do Orgullo ano tras ano!

Para quen esté pasando por unha situación semellante, que saibas que a cousa mellora. Chegará o día no que poidas ser ti mesma e iso vale máis ca nada. Forza!

E remato enviando folgos e moito ánimo á familia de Samuel, porque o que aconteceu é claramente un asasinato homófobo, que se actúe en consecuencia e que se faga #XustizaParaSamuel, porque a verdade é que Samuel somos todas.

Anónimo

Desde ADECOM facemos noso o berro de indignación que retumbou antonte en todo o País pola morte de Samuel, condenamos toda forma de discriminación contra as persoas pola súa orientación sexual ou afectiva, e chamamos a sacar dunha vez os nosos dereitos do armario.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica