A tres días do remate do prazo de alegacións, as alcaldías aínda non se dirixiron á veciñanza afectada polo P. E. Sembra

 

Posto informativo na praia do Ézaro (Dumbría), o pasado sábado

A Asociación en Defensa da Costa da Morte vai presentar este venres ás 10:30 horas ante o rexistro do Concello de Cee máis de medio milleiro de alegacións recollidas nos últimos días nos municipios de Cee, Fisterra e Dumbría, afectados polo proxecto de Parque Eólico Sembra que pretende montar Volantis Renovables nos seus montes.

Posto informativo montado o pasado venres na Feira de Fisterra

Este venres 20 de agosto remata o prazo de alegacións, e incomprensiblemente non nos consta que ningunha alcaldía se puxera en contacto coas veciñanzas afectadas, como lles pediu ADECOM hai case dous meses. De feito, foron as grandes ausentes dos postos informativos instalados pola nosa organización nas localidades afectadas polos macroeólicos (si se teñen achegado membros das corporacións). Non se entende que os nosos gobernos locais, máximas representacións da nosa veciñanza que ademais contan con todos os medios humanos e económicos, baixaran os brazos ante un macroproxecto desta magnitude, sen sequera porse á disposición das veciñas e dos veciños para explicarlles o seu alcance, as implicacións legais para as súas propiedades nin as súas opcións de negociar ou mesmo oporse, como si fixeron os executivos doutros municipios, e de todas as siglas. 

Posto informativo montado no último Mercado Municipal de Cee

Ademais de darlle ás costas aos seus representados e representadas, con esta actitude os gobernos locais perderon unha magnífica oportunidade de posicionarse á fronte da veciñanza para defender os intereses municipais, esixir a minimización da afectación do parque aos seus valores ambientais, patrimoniais, territoriais e paisaxísticos, pero tamén reclamar un retorno económico digno e xusto para as comunidades locais e os Concellos no seu conxunto, como si fixo, por exemplo, o de Muras (Lugo), grazas ao que a súa veciñanza paga o recibo da luz máis barato de España.

Ao contrario, a nosa veciñanza resignarase, de ver aprobado finalmente o proxecto, a convivir con megaeólicos de case 200 metros de altura e 150 metros de diámetro de rotor a medio quilómetro das súas vivendas, que pasarán a formar parte dunha auténtica zona de exclusión denominada poligonal na que, aplicando o grao máis extremo do que a Lei lles permite, a empresa pasa a ter o poder de decisión sobre a terra e os seus usos, podendo ata ampliar o parque e ordenar expropiacións no futuro. Por iso a construción dun parque eólico devalúa, de media, un 30% o valor do chan e das vivendas no seu entorno.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica