O clamor que nin a borraxeira pode agochar

O atropelo eólico na Costa da Morte e no sur da provincia da Coruña foi obxecto este sábado dunha mobilización veciñal convocada por varias asociacións do entorno, e secundada como non podía ser doutro xeito por ADECOM. 

As Paxareiras foi o lugar elixido para realizar unha marcha que pretendía percorrer desde as 4 da tarde un dos parques eólicos máis grandes e antigos do País. Por desgraza, un tempo intempestivo impediu cumprir o plan, afectou indudabelmente á afluencia e desluciu o acto, obrigando a transformalo nunha caravana de vehículos ata o Mirador das Paxareiras, onde se deron cita preto de 200 persoas chegadas de todos os puntos da provincia.

A pesar do mal tempo e da borraxeira que impedía ata ver os muíños que a pesar do seu minúsculo tamaño en comparación cos dos novos proxectos fungaban atroadoramente a escasos metros, o acto demostrou que a oposición veciñal aos novos proxectos eólicos vai aumentando, organizándose... e perdendo o medo. 

Este mesmo mes terá lugar unha nova convocatoria o 24 de outubro en Negreira, e xa se está a comezar a preparar outra na Costa da Morte, das que seguiremos informando.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica