Estatutos

ÍNDICE

Capítulo I. Da Asociación en xeral
1. Denominación e réxime
2. Fin e principios
3. Medios
4. Duración
5. Ámbito e domicilio

Capítulo II. Socias/os
6. Composición
7. Clasificación
8. Socios/as honoríficos/as
9. Número de membros
10. Perda da condición de membro
11. Dereitos
12. Obrigas

Capítulo III. Dos órganos da Asociación
13. Órganos
14. Clases de reunións
15. Convocatoria
16. Competencias
17. Constitución
18. Desenvolvemento
19. Alcance dos acordos
20. Comisión Reitora
21. Órganos unipersoais

Capítulo IV. Do réxime económico
22. Patrimonio
23. Recursos económicos
24. Orzamento
25. Cotas
26. Conta bancaria

Capítulo V. Regulamento de Réxime Interno, reforma de Estatutos e disolución
27. Regulamento de réxime interno (RRI)
28. Reforma dos estatutos
29. Disolución
30. Liquidación
31. Destino dos bens

Capítulo I. Da Asociación en xeral

Artigo 1. Denominación e réxime

Coa denominación de “Asociación en Defensa da Costa da Morte”, en siglas, ADECOM, facendo uso destas de aqui en adiante, constitúese unha Asociación sen ánimo de lucro, radicada no ámbito da Costa da Morte, con personalidade xurídica propia e plena en capacidade de obrar ao amparo da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e das súas normas complementarias.

A presente asociación rexerase polos presentes estatutos e, na súa falta, polo Regulamento de réxime interno (en adiante, RRI) que se aprobe en Asemblea Xeral Extraordinaria, e en todo o previsto en tales normas de desenvolvemento, asi como se lle aplicará a Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e demais lexislación vixente que lle afecte.

Artigo 2. Fin e principios

O fin de ADECOM é a creación dunha comunidade ecosocial, natural e cultural, que defenda os intereses da Costa da Morte.

A organización ADECOM terá os seguintes principios:
  1. Promulgará a conservación do medio natural da Costa da Morte, compatibilizándoa co seu desenvolvemento sostible e o incremento da calidade de vida das comunidades locais.
  2. Enfrontará, da man das veciñanzas afectadas, aqueles novos proxectos industriais e económicos que suporán unha degradación irreversíbel do medio natural da Costa da Morte e en particular a perda de biodiversidade dos seus espazos máis sensíbeis, e promoverá as figuras de protección e conservación que sexan máis acaídas para os mesmos.
  3. Promoverá alternativas sostíbeis a aquelas actividades industriais e económicas contaminantes xa fixadas na Costa da Morte, promovendo unha transición ecolóxica xusta coas comunidades locais.
  4. Apoiará a idea dunha Costa da Morte limpa, que non só non xere novos residuos contaminantes froito das actividades humanas, senón que os absorba e elimine.
  5. Defenderá a idiosincrasia da sociedade da Costa da Morte, os seus valores arqueolóxicos e patrimoniais e as súas expresións culturais, e nomeadamente, o idioma galego e as variantes dialectais que nesta comarca o enriquecen, defendendo a súa normalización plena. ADECOM adopta o galego nas súas distintas variantes dialectais coma única lingua das súas comunicacións.
  6. Reclamará servizos públicos, sanidade, educación, infraestruturas e atención ás persoas maiores, persoas con diversidade funcional e infancia... de calidade na Costa da Morte.
  7. Promoverá o asociacionismo, colaborando e axudando a que novas entidades poidan crearse na comarca e a súa integración, chegado o caso, en ADECOM.
  8. Será unha organización democrática, participativa e popular, cun ideario laico, feminista e pluralista, oposta por definición a toda forma de discriminación das persoas.
  9. Actuará con perspectiva de xénero para que as súas accións e proxectos contribúan a transformar a sociedade patriarcal nunha sociedade igualitaria.
  10. Recadará os recursos económicos para promover iniciativas que leven a unha maior sensibilización e concienciación social coas problemáticas da Costa da Morte.
  11. Estabelecerá os contactos precisos con persoas e colectivos de todo tipo de cara a obter o seu compromiso de adhesión e apoio ás causas que inicie.
  12. Estabelecerá contactos cos poderes públicos municipais, provinciais, nacionais e estatais para obter o seu compromiso cos intereses da Costa da Morte.
  13. Promoverá e apoiará calquera iniciativa de persoas e colectivos alleos cuxos fins sexan coincidentes cos da propia asociación.
  14. Reclamará dos poderes públicos os recursos económicos, humanos e de todo tipo, precisos para o desenvolvemento substentábel da Costa da Morte.
  15. Promoverá e apoiará solidariamente iniciativas similares noutros espazos naturais do entorno inmediato e de Galiza.

Artigo 3. Medios

Para o cumprimento dos seus fins a Asociación en Defensa da Costa da Morte poderá desenvolver todo tipo de actividades que se entendan precisas para a consecución do mesmo, e que nomeadamente, como exemplo, se detallan:
  1. Captación de fondos de solidariedade, tanto da sociedade como das institucións, agás aqueles provintes de empresas que coa súa actividade normal causen un prexuízo manifesto aos intereses da Costa da Morte ou ao seu medio natural.
  2. Promoción de campañas de sensibilización das problemáticas da Costa da Morte entre a sociedade.
  3. Realización de accións e actividades culturais e divulgativas, recreativas, reivindicativas... dirixidas a toda a poboación da Costa da Morte.
  4. Promoción e fomento do asociacionismo e o voluntariado.
  5. Visitas a iniciativas e proxectos que poidan resultar acaídos á Costa da Morte.
  6. Sinatura de convenios de colaboración, ou incorporación a entidades ou organismos afíns que poidan contribuír á consecución dos seus obxectivos.
  7. Empregar os medios de comunicación propios e alleos ao seu alcance para difundir as súas actividades, obxectivos e labor.
  8. Valerse de calquera outro medio lícito que sirva para o cumprimento da finalidade e os fins descritos.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento do fin da asociación, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Artigo 4. Duración

A duración da asociación será indefinida.

Artigo 5. Ámbito e domicilio

O ámbito territorial de ADECOM será o dos concellos que forman parte da Costa da Morte.

O domicilio social estabelécese en Praza da Solaina s/n, 1º andar, O Pindo, Carnota, A Coruña. O dito domicilio social poderá ser cambiado se as circunstancias o fixesen aconsellábel a xuízo da Comisión Reitora, con aprobación da maioría da Asemblea Xeral. Este domicilio social non limita a liberdade da Comisión Reitora para convocar Asembleas Xerais onde estime máis oportuno.

Capítulo II. Socias/os

Artigo 6. Composición

Persoas asociadas

Son aquelas persoas, maiores de idade, que desexen pertencer á Asociación.

Artigo 7. Clasificación

Persoas fundadoras:

Son aquelas persoas que están presentes no momento da constitución e asinan a acta constitucional.

Persoas numerarias:

Son aquelas persoas que expresen o seu desexo por escrito de pertencer á asociación e teñan a aprobación da Comisión Reitora.

As persoas fundadoras e numerarias teñen as mesmas obrigas e dereitos.

Artigo 8. Socios/as honoríficos/as

Serán consideradas honoríficas aquelas persoas físicas e xurídicas que, a xuízo da Asemblea Xeral Extraordinaria, axuden de forma notábel ao desenvolvemento dos fins da Asociación, á conservación do medio natural e/ou ao desenvolvemento sostible da Costa da Morte.

Poderán ser honoríficos/as tanto os/as socios/as de ADECOM coma aqueles/as que, sen selo, favorecen notabelmente a labor desta.

Poderá ser revogado provisionalmente o nomeamento coma socio/a honorífico/a sempre que incorra en accións que, a xuízo da Comisión Rectora, vaian en contra dos principios da Asociación, causen un prexuízo manifesto á Costa da Morte ou ao seu medio natural, e/ou contraveñan gravemente os presentes estatutos. Para ser definitivo, o acordo de revogación deberá ser ratificado en Asemblea Xeral Extraordinaria.

O procedemento de nomeamento e revogación recollerase no RRI da Asociación.

Artigo 9. Número de membros

O número de membros é ilimitado.

Artigo 10. Perda da condición de membro

Os socios/as causarán baixa por algunha destas razóns:
  1. Por vontade propia.
  2. Por falta de pago das cotas.
  3. Pola comisión de accións que prexudiquen gravemente a imaxe e os intereses da asociación, mediante acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria.
  4. Por extinción da personalidade xurídica.
O procedemento de comunicación e baixa de cada unha delas poderá describirse no RRI.

Artigo 11. Dereitos

Os/as socios/as teñen os seguintes dereitos:
  1. Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.
  2. Elixir e ser elixidas para cargos directivos.
  3. Facer as propostas que consideren oportunas por escrito diante dos órganos de goberno da asociación.
  4. Solicitar información aos órganos directivos sobre a marcha da asociación.
  5. Ter todos os dereitos que como membro da asociación lles correspondan.

Artigo 12. Obrigas

Son obrigas dos/as socios/as:
  1. Cubrir a correspondente ficha de afiliación proporcionando datos reais e fidedignos.
  2. Fomentar as actividades da asociación e participar nelas na medida das súas posibilidades.
  3. Desempregar os cargos para os que foron elixidos/as.
  4. Satisfacer as cotas que se establezan.
  5. Respectar os presentes estatutos e o RRI, de ser o caso.

Capítulo III. Dos órganos da Asociación

Artigo 13. Órganos

Serán órganos da asociación os seguintes:
  1. Asemblea Xeral.
  2. Comisión Reitora.

Artigo 14. Clases de reunións

A Asemblea Xeral é o órgano de expresión da vontade da asociación. Estará integrada pola Comisión Reitora, os/as socios/as (segundo se regula no RRI), e os/as socios/as honoríficos/as.

Reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Comisión Reitora, ou o solicite a quinta parte dos/as socios/as, por medio de escrito dirixido á Comisión Reitora, autorizado coas sinaturas correspondentes no que se expoña o motivo da convocatoria e os asuntos a debater.

A Presidencia e Secretaría da Asemblea serán elixidas polos/as socios/as, tendo responsabilidade da constitución formal da mesma a Presidencia e Secretaría da Comisión Reitora en funcións.

Artigo 15. Convocatoria

A Asemblea Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, será convocada pola Comisión Reitora con 15 días de antelación, polos medios que garanten o coñecemento da convocatoria, expresándose nestes a orde do día.

Se a convocatoria da asemblea extraordinaria non puidera ser realizada pola Comisión Reitora, será convocada polos/as tres primeiros/as socios/as asinantes da petición.

Artigo 16. Competencias

Son facultades da Asemblea Xeral Ordinaria:
  • Aprobar, no seu caso, as actas de reunións anteriores e o informe de xestión da Comisión Reitora.
  • Examinar e aprobar as Contas anuais.
  • Aprobar ou rexeitar as propostas da Comisión Reitora en orde ás actividades da Asociación.
  • Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias.
  • Adopción de resolucións sobre os asuntos que figuren na orde do día ou que se subcriban por dous terzos dos/das asistentes, sempre que os ditos asuntos se poidan, legal e estatutariamente, tratar na asemblea que se estea levando a cabo.
  • Calquera outra que non sexa da competencia exclusiva da Asemblea Extraordinaria.
Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria:
  • Aprobar a modificación do domicilio social, asi coma a sede da asociación.
  • Ratificar o nomeamento ou revogación de socios/as honoríficos/as.
  • Ratificar a creación ou disolución dos grupos de traballo.
  • Nomeamento, renovación e revocación dos membros da Comisión Reitora.
  • Modificación dos Estatutos.
  • Disposición ou alleamento de bens.
  • Disolución da asociación e designación das persoas liquidadoras.
  • Aprobar, modificar ou abolir o Regulamento de Réxime Interno.
  • Expulsión de socios/as, a proposta da Comisión Reitora.
  • Ratificar a participación ou integración en Federacións, Fundacións, Asociacións ou outro tipo de entidades, e determinar alcance e condicións da dita participación.
  • Adopción de resolucións sobre os asuntos que figuren na orde do día ou que se subcriban por dous terzos dos asistentes, sempre que os ditos asuntos se poidan, legal e estatutariamente, tratar na asemblea que se estea levando a cabo.
  • As que sendo competencia de Asemblea Ordinaria, por razóns de urxencia e necesidade, non poidan demorarse ata a súa convocatoria sen grave prexuízo para a asociación.

Artigo 17. Constitución

Para que as Asembleas sexan válidas, será preciso que en primeira convocatoria asistan a metade máis un/unha dos/as socios/as. De non asistir este número quedará constituída media hora máis tarde sexa cal for o número de asistentes, sempre e cando estén presentes as persoas que ocupan a Presidencia e Secretaría, ou as persoas que as substitúan.

Se non concorrese algún deses cargos, asumirán estas funcións as persoas membro da Comisión Reitora presentes.

No seu defecto, as persoas asistentes designarán a Presidencia e/ou a Secretaría desa Asemblea Xeral.

Artigo 18. Desenvolvemento

As sesións iniciaranse cando asi o determine a Presidencia, ou a persoa en que delegue.

En primeira instancia, de ser o caso, a Secretaría ou a persoa en que delegue procederá á lectura da Acta da Asemblea anterior, para, no seu caso, ser aprobada. A continuación, procederá á presentación da orde do día. Cada punto será informado pola persoa da Comisión Rectora que lle corresponda, procedéndose ao debate e aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos.

Os acordos tomaranse por maioría simple. En caso de empate decidirá o voto de calidade da Presidencia.

Nos casos de disposición ou alleamento de bens, a modificación de estatutos ou disolución da asociación, será necesario o voto favorable das 2/3 partes dos/as socios/as compoñentes da asemblea.

O último punto da orde do día estabelece quenda de propostas, rogos e preguntas; unha vez concluída darase por finalizada a Asemblea Xeral, por parte da presidencia ou sobre quen delegue.

Levantarase acta no libro correspondente onde conste como mínimo:
  • Lugar, data e hora
  • Socios/as asistentes e excusados/as
  • Asuntos tratados e acordos adoptados: votos a favor, en contra e abstencións.
Redacta e asina a Secretaría, co visto e prace da Presidencia.

No caso de requerirse, a Secretaría expedirá certificacións das actas, de todos ou parte dos acordos.

Artigo 19. Alcance dos acordos

Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos/as os/as socios/as.

Artigo 20. Comisión Reitora

A Comisión Reitora será elixida en Asemblea Xeral Extraordinaria.

O procedemento de elección da Comisión Rectora determinarase no RRI.

Estará composta por dez persoas.

A Comisión Reitora terá unha duración máxima de catro anos.

Unha vez elixida, a Comisión Reitora elixirá entre as e os seus membros os cargos de Presidencia, Secretaría, Tesoureiría e Vogalías. Asi mesmo, poderá nomear as respectivas suplencias.

A Comisión Reitora reunirase cando o solicite a Presidencia, Secretaría, Tesoureiría, ou 1/4 das e dos seus membros, e de todos os xeitos farao como mínimo cada seis meses.

As reunións da Comisión Reitora deberán convocarse coa antelación suficiente e celebraranse conforme a orde do día.

A Comisión Reitora poderá crear grupos de traballo, nos que haberá cando menos un/unha membro da comisión Reitora.

Os grupos de traballo poden nomear unha portavocía que, en caso de non ser membro da Comisión Reitora, poderá participar na mesma con voz e sen voto.

Os grupos de traballo poderán emitir informes, facer peticións e propoñer acordos á Comisión Reitora, que terá a obriga de incorporalos ao debate na súa orde do día.

Os acordos tómanse por maioría simple e para a súa validez requirirá a presenza da metade máis un das e dos seus membros. Se houbese empate decidirá o voto de calidade da Presidencia.

A Comisión Reitora terá as seguintes atribucións:
  • A representación da asociación ante calquera organismo público ou privado, así como a dirección e a xestión da mesma.
  • Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
  • Confeccionar o plan de actividades.
  • Organizar e desenvolver as actividades aprobadas pola Asemblea Xeral.
  • Elaborar os orzamentos e balanzos.
  • Recadar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben.
Pérdese a condición de membro da Comisión Reitora polos seguintes motivos:
  • Por decisión propia ou dimisión.
  • Por incumprimento das obrigas dos/as socios/as reguladas no artigo 10.
  • Por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria.
No caso de producirse vacantes na Comisión Reitora, supliranse automaticamente coas persoas que resultaren suplentes na Asemblea Xeral que a elixiu, de existir. No caso de non haber suplentes, as vacantes supliranse na seguinte Asemblea Xeral Extraordinaria, do xeito regulamentario.

En caso de que a Comisión Reitora chegue a ficar con menos de 5 membros, as restantes estarán obrigadas a convocar unha Asemblea Xeral Extraordinaria no prazo máximo dun mes.

Artigo 21. Órganos unipersoais

21.1. Presidencia

Son facultades da Presidencia:
  1. Velar polo cumprimento dos fins da asociación.
  2. Fixar, convocar e presidir as reunións da Comisión Reitora.
  3. Presidir a constitución das Asembleas.
  4. Acordar a orde do día das reunións, en comunicación co resto da directiva.
  5. Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral ou a Comisión Reitora.
  6. Dar o visto e prace ás certificacións que expida a Secretaría.
  7. Ordenar os pagos validamente acordados.
  8. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.

21.2. Secretaría

Corresponde á Secretaría:
  1. Actuar como tal nas reunións, levantando acta das mesmas.
  2. Asistir á Presidencia para fixar a orde do día e cursar as convocatorias.
  3. Expedir certificacións.
  4. Custodiar e levar os libros, documentos e selo da asociación.
  5. Levar o rexistro e ficheiros.
  6. Redactar a memoria anual, plans de actividades e os documentos que sexan necesarios.
  7. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.

Artigo 21.3. Tesoureiría

Son facultades da Tesoureiría:
  1. Levar os libros de contabilidade.
  2. Expedir os recibos das cotas ordinarias e extraordinarias.
  3. Redactar os orzamentos e balances anuais.
  4. Levar un inventario dos bens sociais.
  5. Asinar, conxuntamente coa Presidencia, os escritos, cheques e documentos de crédito.
  6. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.

Artigo 21.4. Vogalías

Serán facultades das vogalías realizar programas e propostas na súa área de actuación, así como desempregar os traballos que lles sexan encomendados pola Comisión Reitora.

Capítulo IV. Do réxime económico

Artigo 22. Patrimonio

A Asociación terá patrimonio propio e independente. Funcionará en réxime de orzamento anual. Carece de patrimonio inicial.

Artigo 23. Recursos económicos

Os medios económicos para atender aos seus fins serán os seguintes:
  1. As cotas dos/as socios/as, tanto ordinarias como extraordinarias.
  2. Todo tipo de contributos públicos e privados, agás as excepcións sinaladas no RRI.

Artigo 24. Orzamento

A Comisión Reitora confeccionará todos os anos un proxecto de orzamento, que presentará para a aprobación da Asemblea Xeral. Asemade, presentará a liquidación das contas do ano anterior para á súa aprobación. A data de peche do exercicio asociativo será o 31 de decembro de cada ano.

Artigo 25. Cotas

A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Comisión Reitora, aprobará tanto as cotas ordinarias coma extraordinarias, que non seran reintegrábeis en ningún caso.

As cotas, por norma xeral, serán aboadas a partir da aprobación do orzamento anual correspondente, ou ao remate do prazo fixado, cando fosen extraordinarias.

A Comisión Rectora poderá acordar medidas disciplinarias para os/as socios/as que, sen causa xustificada incumprisen estas obrigas, incluíndo a perda do dereito a voto nas Asembleas, ou no caso de persistir, a expulsión.

Porén, cando as circunstancias o aconsellen, poderán outorgarse moratorias e mesmo dispensar parcial ou totalmente o importe adebedado. Dita decisión comunicarase na inmediata Asemblea Xeral que teña lugar.

Todo o recadado por este medio dedicarase exclusivamente a atender as necesidades da Asociación para axudar a conseguir os seus fins.

Artigo 26. Conta bancaria

Antes de optar por contratar unha conta bancaria, ADECOM terá en consideración o comportamento ético e a responsabilidade social das distintas entidades bancarias.

ADECOM cancelará de inmediato a conta no caso de que detecte que a súa entidade bancaria demostra un comportamento pouco ético, discriminatorio coas persoas, contrario aos fins da asociación ou que en definitiva cause un prexuízo manifesto aos intereses da Costa da Morte ou ao seu medio natural.

Para a disposición de fondos das contas bancarias, será necesaria a sinatura conxunta de Presidencia e Tesoureiría, que deberán ter recoñecida a sinatura na entidade bancaria.

Capítulo V. Regulamento de Réxime Interno, reforma de Estatutos e disolución

Artigo 27. Regulamento de réxime interno (RRI)

Desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles.

Artigo 28. Reforma dos estatutos

A reforma de estatutos terá que ter o acordo das 2/3 partes dos/as socios/as, na Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao seu efecto.

Artigo 29. Disolución

A Asociación disolverase polas seguintes causas:
  1. Voluntariamente, por acordo das 2/3 partes dos/as socios/as, na Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao efecto.
  2. Polas causas que determina o artigo 39 do Código Civil.
  3. Por sentenza xudicial firme.

Artigo 30. Liquidación

Unha vez acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará a Comisión que efectuará a liquidación dos bens, alleando os bens sociais, pagando as súas débedas, no seu caso, cobrando seus créditos e fixando o haber líquido resultante, se o houbese.

Durante o periodo de liquidación, a Asemblea Xeral conservará a plenitude de poderes e facultades que tiña con anterioridade ao acordo de disolución.

Artigo 31. Destino dos bens

De ter resultante, doarase a unha entidade con fins similares aos da Asociación.

O xustificante da doazón será presentado no rexistro de asociacións para proceder á inscrición da disolución da asociación.

Asinado en Corcubión, a 19 de xuño de 2021

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica