ADECOM e veciñanza de Berdoias concéntranse contra os macroproxectos eólicos

Concentración diante da Igrexa de Berdoias

Este domingo 9 de maio a Asociación en defensa da Costa da Morte (ADECOM) xunto con veciñanza de Berdoias (Vimianzo), concentráronse no adrio da igrexa desa parroquia, onde recolleron sinaturas para impedir a construción do Parque eólico previsto para Berdoias. A promotora deste parque é Iberdrola Renovables, S.A. e afectará aos municipios de Vimianzo, Muxía e Dumbría, principalmente. 

De chegar a executarse, este proxecto, de 76,5 MW de potencia instalada, estaría integrado por 17 aeroxeradores duns 107,5 m de altura. Ademais dos viraventos, instalarase unha rede subterránea de media tensión, unha subestación transformadora situada no concello de Vimianzo, unha subestación transformadora no concello de Ordes, e unha liña aérea de alta tensión que atravesará os termos municipais de Cerceda, Ordes, Santa Comba, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Vimianzo e Zas, entre outras características. 

Aberto o prazo de alegacións

Os eólicos afectan espazos de alto valor
O día 26 de abril abriuse o prazo para presentar alegacións ao informe medioambiental, que tanto veciñanza de Berdoias coma ADECOM e outras plataformas da contorna están recollendo xa para presentar diante da Xunta de Galicia, quen apretou o acelerador a fondo para sacar canto antes e coa mínima información á veciñanza estes proxectos en todo o noso País.

Mais nin as autoridades nin os intereses empresariais que están detrás deste e outros parques explican que suporán impactos ambientais moi importantes, pois a súa afección severa aos recursos hídricos, á fauna, aos humidais e turbeiras, ao patrimonio material e inmaterial, ás terras de producción cerealística, impactos sobre o sector forestar e agrogandeiro inasumibles e, sobre todo, afección incompatible coa paisaxe e sobre lugares de interese xeolóxico, e afección sobre o sector do turismo e o benestar das familias que residen no contorno que constitúe o seu medio de vida. Ademais, lonxe do que promulgan estas empresas, que son as únicas e grandes beneficiarias destes proxectos, o beneficio para as comunidades locais destas megainstalacións é practicamente nulo. Pola súa parte, a Xunta tamén se beneficia pois estas empresas acabarán acollendo aos seus altos cargos mediante as famosas "portas xiratorias".

Xornadas informativas en Carballo

Cartel do acto
Estes grupos participarán o próximo sábado na praza do Concello de Carballo nas Xornadas informativas sobre o complexo eólico na Comarca de Bergantiños e Costa da Morte, organizadas pola Coordinadora Bergantiñá en defensa da terra co apoio de ADECOM e outras entidades.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

ADECOM constituirase en Federación comarcal o sábado 19 de xuño en Corcubión

A Costa da Morte: 10 feridas abertas, 10 anos perdidos