RRI

Regulamento de Réxime Interno

ÍNDICE

Capítulo I. Das Asembleas
1. Convocatoria
2. Asembleas

Capítulo II. Das votacións
1. Voto de persoas afiliadas
2. Voto de entidades federadas
3. Sistema de votación

Capítulo III. Da financiación
1. Cota social de persoas afiliadas
2. Cota social de entidades federadas
3. Outras fontes de ingreso aceptadas
4. Fontes de ingresos rexeitadas
5. Contas bancarias

Capítulo IV. Da transparencia
Boletín de ADECOM
Publicación de contas
Revista Loaira

Capítulo V. Da Caixa Solidaria

Capítulo VI. Da dinamización asociativa

Capítulo VII. Dos Premios Ardora

Capítulo VIII. Do rexime disciplinario

Capítulo I. Das Asembleas

A Asemblea Xeral (Ordinaria ou Extraordinaria) é o máximo órgano de goberno de ADECOM, pois é o que da voz e voto a todas as persoas asociadas e entidades federadas.
Por iso, cómpre realizalas coa máxima regularidade e tamén dotalas de contido, para que sexan unha auténtica correa de trasmisión de ADECOM e non nunha simple formalidade.
Asi mesmo, procurarase fomentar a máxima participación, mediante as seguintes vías:

1. Convocatoria

  • Convocar nas datas e lugares en que se posibilite a maior asistencia.
  • Envío da convocatoria coa máxima antelación que sexa posíbel e polo maior número de medios para garantir o seu coñecemento, incluíndo a publicidade nos medios de comunicación propios e alleos.
  • Envío da orde do día e a documentación coa máxima antelación posíbel, evitando a linguaxe moi técnica e empregando unha redacción clara e concisa.

2. Asembleas

  • No caso das Asembleas físicas, habilitaranse de ser posíbel sistemas de videoconferencia para que as persoas que asi o soliciten poidan participar desde a distancia.
  • No caso das Asembleas virtuais, dotarase dos medios suficientes e faranse as probas previas oportunas para garantir a boa calidade de imaxe e son, que permita a correcta retransmisión e polo tanto participación.
  • A Comisión Rectora nomeará unha persoa moderadora que fará un estricto seguemento das peticións das quendas de palabra e do seu desenvolvemento; asi coma unha secretaría da Asemblea que levante acta en soporte informático, a poder ser en tempo real.
  • Tras a Asemblea, a secretaría expedirá a quen o solicite certificacións de todos ou parte dos acordos.

Capítulo II. Das votacións

Neste capítulo arbítrase cal será o sistema xeral de votación en calquera Asemblea de ADECOM, salvo nas que se aprobe expresamente un regulamento de votación específico.

1. Voto de persoas afiliadas

Cada persoa afiliada a ADECOM, coas cotas ao día, ten dereito á participación con voz e voto nas Asembleas.
Cada persoa afiliada contará cun voto, persoal e non delegábel.
Para poder participar con voto nunha Asemblea, a persoa deberá estar asociada a ADECOM no momento da convocatoria da mesma. De facelo con posterioridade, poderá asistir á mesma en calidade de convidada, sen voz nin voto.

2. Voto de entidades federadas

Para fomentar a participación de entidades sociais en ADECOM recoñecendo o seu peso social, regúlase o voto ponderado nas Asembleas para as entidades que xa estén federadas en ADECOM no momento da convocatoria, e coas cotas ao día.
Ante a convocatoria dunha Asemblea, a entidade deberá certificar con carácter previo ao inicio da Asemblea a designación da/s persoa/s que obstentará/n a súa representación con voz e voto/s na Asemblea, asi coma o número de persoas asociadas coas cotas ao día con que contaba a súa entidade na data da convocatoria.
O número de votos que exercerá cada entidade federada será proporcional ao número de persoas asociadas á mesma, en función da seguinte regla: Cada entidade poderá depositar un determinado número de votos en función do seu número de persoas asociadas; desde un a doce membros terá un voto, de doce a cincuenta dous votos, de cincuenta e un a cen tres votos, e asi sucesivamente ata un máximo de seis votos, que se conseguen a partir dos 201 membros.
O numero de votos que lle correponda a unha entidade poderaos depositar no seu nome un mínimo dunha persoa e un máximo de tantas persoas coma votos lle corresponde depositar, sempre e cando conste a súa designación coma representantes da entidade.
Para poder participar con voto nunha Asemblea, a entidade deberá estar asociada ou federada a ADECOM no momento da convocatoria da mesma. De facelo con posterioridade, poderá enviar unha representación á mesma en calidade de convidada, sen voz nin voto.

3. Sistema de votación

Para axilizar as Asembleas, por norma xeral as votacións serán a man alzada.
Cando un terzo do electorado o solicite, o voto será secreto e en urna.

No caso das eleccións de candidaturas a cargos directivos, de presentarse máis dunha lista, a elección efectuarase sempre mediante voto secreto e en urna.

Capítulo III. Da financiación

A principal fonte de ingresos de ADECOM son as cotas sociais que abonan as súas persoas afiliadas e entidades federadas, fixadas actualmente como segue:

1. Cota social de persoas afiliadas

Cada persoa afiliada individualmente a ADECOM deberá aboar unha cota de 12€ ao ano.

En caso de que unha persoa que forme parte de ADECOM teña algún impedimento para afrontar a cota social, poderá solicitar a exención de cota á Comisión Rectora xustificando a natureza do impedimento; esta, tras examinar a situación, resolverá ao respecto sobre a concesión ou denegación da solicitude de exención e -no seu caso- a súa duración, resolución que non será recurríbel nin apelábel en ningún caso.

2. Cota social de entidades federadas

Do mesmo xeito que se arbitra a ponderación de voto en función do seu volume de afiliación, habilítase unha cota social proporcional co mesmo criterio, do seguinte xeito:

Cada entidade federada aboará, coma mínimo, 12€ ao ano.

Se a entidade supera as doce persoas asociadas, a cota aumentará dous euros, e no sucesivo outros dous euros por cada dez membros máis. Deste xeito, a modo de exemplo, se ten quince membros, aboará 14 euros; se ten vinteun membros, aboará 16 euros; e se ten cen membros, aboará 30 euros... e asi ata a cota máxima, de 52€ ao ano, que se alcanza ao chegar a 200 membros.

En caso de que unha entidade social que forme ou queira formar parte de ADECOM teña algún impedimento para facer fronte á cota social, poderá solicitar a exención de cota á Comisión Rectora xustificando a natureza dese impedimento; esta, tras examinar a situación, resolverá ao respecto sobre a concesión ou denegación da solicitude de exención e -no seu caso- a duración, resolución que non será recurríbel nin apelábel en ningún caso.

3. Outras fontes de ingreso aceptadas

Ademais os fondos recadados por ADECOM poden ter, entre outros, as seguintes orixes:
Venda de material propio ou alleo
Poderase editar material destinado á venda, ou ben vender material de terceiras partes mediante un convenio ou acordo de colaboración.

Cotas de inscrición

Poderanse fixar cotas de inscrición pola participación en actividades e eventos.

Doazóns, herencias e legados

ADECOM aceptará doazóns públicas e privadas, herencias e legados, facendo publicidade daquelas transmisións superiores a 300€ (agás que a persoa ou entidade solicite expresamente que se omita esa publicidade), e sempre e cando a persoa ou entidade non incurra nalgunha das excepcións nomeadas a continuación.

Subvencións institucionais

ADECOM poderá optar ás subvencións dos organismos públicos que encaixen cos seus fins estatutarios.

4. Fontes de ingresos rexeitadas

ADECOM obrígase a rexeitar os fondos provintes das seguintes orixes:
  • Venda ou adquisición de produtos ou servizos ilícitos, provintes do expolio do patrimonio cultural, arqueolóxico ou natural, ou calquera outro caso para cuxa obtención ou elaboración se cause unha alta pegada ecolóxica ou social.
  • Ingresos relacionados con xogos de azar.
  • Bens ou servizos para cuxa obtención ou elaboración se empregou coma man de obra un colectivo discriminado e/ou en situación de explotación laboral.
  • Produtos que conteñan mensaxes que resulten vexatorias ou discriminatorias contra un colectivo social pola súa condición de calquera tipo.
  • Doazóns de fondos provintes da especulación financieira, urbanística ou inmobiliaria.
  • Doazóns por parte de persoas ou entidades que, de xeito notorio, non compartan os principios de ADECOM, atenten contra os mesmos, ou causen coa súa actividade un dano manifesto á natureza ou á sociedade da Costa da Morte.
  • Obras artísticas das que non se acredite a súa procedencia e transmisión legal.
  • Todas aquelas fontes de ingresos nas que non se poida descartar por completo que teña algunha das orixes relacionadas anteriormente.
No caso de chegar a percibir un ingreso dunha destas fontes que non se teña detectado a tempo, ADECOM estará obrigada a devolver de inmediato o diñeiro e comunicar no seu Boletín os feitos, ou ben a avisar ás autoridades competentes no caso de que poida existir un ilícito.

Contas bancarias

Á hora de contratar servizos financieiros, ADECOM non colaborará con entidades que contribúan ao expolio dos nosos recursos naturais, executen desafiuzamentos forzosos, especulen coa vivenda ou o solo rústico ou industrial, ou contribúan de calquera xeito á chamada depredación do noso territorio.
Tampouco se operará con entidades que fixen as súas sedes en paraísos fiscais ou rindan contas dos beneficios logrados no noso territorio noutros aló onde non producen.

ADECOM só operará con caixas galegas públicas, e no seu defecto con aquelas privadas con maior compromiso social, medioambiental e comportamento ético, abandoándoas por outras en canto este compromiso sexa posto en cuestión.

Capítulo IV. Da transparencia

En aras de xerar a máxima confianza entre a veciñanza da Costa da Morte, ADECOM asume o compromiso de total transparencia das súas accións e operacións, e obrígase a dotarse de ferramentas e instrumentos que a garantan, que se enumeran a continuación.

Boletín de ADECOM

Independentemente da publicación de notas de prensa e outras formas de difusión, a entidade divulgará a súa actividade no Boletín de ADECOM, un listado de entradas co seu título, data e correspondente número de rexistro hospedado na páxina boletin.adecom.gal e tamén co hashtag #boletinadecom nas súas redes sociais, de xeito que calquera persoa poida facer un seguemento da vida orgánica da entidade, forme ou non parte dela.

No Boletín comunicaranse (entre outras): as principais accións, campañas, denuncias, actividades… públicas desenvolvidas ou apoiadas pola entidade; as cartas abertas, pronunciamentos, resolucións, acordos e ditames da Comisión Rectora ou da Asemblea Xeral; a adhesión, baixa ou expulsión de novas entidades federadas; a sinatura ou extinción de acordos, contratos ou convenios de colaboración con outras persoas e entidades; o nomeamento, renovación ou revogación de cargos directivos ou honoríficos; a concesión de doazóns, premios ou axudas económicas; todos os gastos ou ingresos (incluíndo as doazóns) que superen os 300€, asi coma o rexeitamento de ingresos en base ao regulado no Capítulo anterior.

Publicación de contas

As contas de ingresos e gastos confeccionadas pola Tesoureiría publicitaranse abreviadas na páxina de ADECOM unha vez que sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.

Revista Loaira

Defínese neste regulamento unha publicación propia de ADECOM, denominada Loaira, na cal se divulgarán as actividades da entidade e da vida social do tecido social da Costa da Morte, noticias de actualidade, denuncias, etc. O deseño da revista, redacción de contidos textuais, obtención de recursos gráficos e/ou publicidades para financiar a edición... e demais elementos da publicación son responsabilidade da Comisión Rectora de ADECOM, que a poderá delegar nun Grupo de Traballo, tal e como se regula nos Estatutos.

Capítulo V. Da Caixa Solidaria

ADECOM dotarase dun fondo económico de resistencia denominado Caixa Solidaria, unha axuda económica da cal poderá ser beneficiaria calquera entidade social que opere principalmente na Costa da Morte e comparta os obxectivos de ADECOM, forme ou non parte da mesma, e precise unha axuda económica para impulsar a súa actividade.

A este fondo, que se constitúe por tempo indefinido, irá a parar o 20% da recadación ordinaria anual das cotas sociais de ADECOM, asi coma as doazóns que a entidade reciba con ese fin expreso, ata alcanzar a dotación máxima de 3.000€. A súa contía será pública.

A finalidade desta axuda é a de apoiar aquelas iniciativas sociais que, previa solicitude á Comisión Rectora de ADECOM polas persoas físicas ou xurídicas promotoras do proxecto, reúna a xuízo da Comisión Rectora os seguintes requisitos:

1. A solicitude presentarase por escrito e conterá, como mínimo, os seguintes datos:
  1. Título do proxecto
  2. Descrición, obxectivos e duración do mesmo
  3. Nº estimado de persoas que se verán beneficiadas pola iniciativa
  4. Importe total solicitado (IVE incluído), e desglose detallado dos gastos
  5. Certificación dos datos da/s entidade/s promotora/s do proxecto, e do seu número de membros
2. As entidades solicitantes estarán radicadas na Costa da Morte, ou aínda non estándoo poden acreditar ter nela o seu principal ámbito de actuación.
3. A finalidade do proxecto, asi coma o das entidades solicitantes, serán coincidentes coas propias finalidades de ADECOM, e non contravir ningún principio estatutario.
4. O proxecto, asi coma a/s entidade/s promotora/s, non terán un afán lucrativo e a axuda non se pode incorporar en ningún caso aos fondos propios das mesmas nin tampouco distribuir entre os membros da súa directiva ou comunidade.
5. A/s entidade/s promotora/s terían difícil realizar o proxecto cos seus propios medios.
6. Non se poderá destinar a un só proxecto máis do 50% da dotación total na Caixa Solidaria nun momento dado, a fin de que sempre conserve unha certa dotación.
7. Unha vez comunicada a concesión da axuda pola Comisión Rectora, a entidade solicitante procederá a documentar ante ese órgano as correspondentes facturas do/s gasto/s obxecto da solicitude, que serán aboadas directamente pola Tesoureiría de ADECOM mediante transferencia bancaria.
8. Esta axuda terá a consideración legal de doazón á/s entidade/s beneficiaria/s.
9. A Comisión Rectora de ADECOM é a única institución encargada de examinar e conceder ou non as axudas segundo o seu propio criterio, polo que se reserva a decisión de aprobar ou non unha solicitude sen aviso ou xustificación algunha á/s entidade/s solicitante/s, non cabendo contra esa decisión apelación ou recurso algún.
10. A Comisión Rectora de ADECOM renderá contas ante a Asemblea Xeral Ordinaria de todas as axudas concedidas e denegadas durante o presente exercicio contábel.

Capítulo VI. Da dinamización asociativa

Un dos obxectivos fundacionais de ADECOM é converterse nun motor revulsivo do asociacionismo na Costa da Morte, fomentando a aparición e o potenciamento de novas entidades sociais de todo tipo compatíbeis cos seus propios fins, e que atendan as necesidades socioculturais, medioambientais, patrimoniais, etc… da nosa bisbarra.

Sabendo que a creación dunha entidade social non é nada doado, sobre todo cando se quere facer ben, ADECOM porá na medida do posíbel a súa experiencia e medios a disposición do tecido social da comarca para axudar á veciñanza a poñer en marcha os seus colectivos.

Para iso, aparte das axudas económicas regulado no Capítulo anterior, ADECOM prestará na medida das súas posibilidades diferentes servizos de apoio e asesoramento ás entidades sociais que queiran constituirse legalmente, coma os que, entre outros, se relacionan:
  • Redacción de borradores de Estatutos e Acta fundacional, planificación da Asemblea fundacional.
  • Deseño da imaxe corporativa.
  • Creación das redes sociais e formación para o seu mantemento.
  • Asesoramento e apoio consultivo ás entidades nas dinámicas asociativas, solicitude de subvencións e axudas, resolución de conflitos, formulación de alegacións, convocatoria e socialización de accións e mobilizacións, deseño de estratexias, etc.
  • Poderanse artellar a prestación de servizos propios ou externos de asesoramento xurídico ás persoas asociadas e entidades federadas.

Capítulo VII. Dos Premios Ardora

Completando o paquete de iniciativas destinadas a fomentar o compromiso do tecido social coa defensa da Costa da Morte, pola presente créanse os Premios Ardora, unha iniciativa para estimular e recompensar aquelas persoas ou entidades da nosa bisbarra que polos seus comportamentos, traballos, ideas e iniciativas en calquera eido, contribúan ao cumprimento das finalidades con que foi creada ADECOM, e en definitiva, a desenvolver substentábelmente a Costa da Morte e/ou a protexer o seu medio natural.
Cada edición dos Premios Ardora será convocada pola Comisión Rectora de ADECOM.
A periodicidade, lugar de celebración, regulamento, condicións de participación, dotación de premios, nomeamento do xurado, organización da entrega de premios... e demais aspectos do certame son responsabilidade da Comisión Rectora de ADECOM, que a poderá delegar nun Grupo de Traballo, tal e como se regula nos Estatutos.

Capítulo VIII. Do rexime disciplinario

Sen considerar necesario desenvolver un rexime disciplinario detallado, para garantir os dereitos (incluído o da discrepancia interna) e a democracia en todas as decisións adoptadas no seo de ADECOM, mesmo aquelas tan controvertidas e duras coma pode ser unha proposta de expulsión, inclúese o presente capítulo.

Unha persoa ou entidade que sexa membro de ADECOM pode ser proposta para a súa expulsión por calquera outra persoa ou entidade membro polas seguintes faltas graves:
  • Incumprimento consciente e notorio dos Estatutos ou do Regulamento de Réxime Interno de ADECOM, que son de obrigada observancia para toda a súa comunidade.
  • Comisión de faltas e afrentas graves, de xeito público e consciente, co afán de danar a imaxe pública ou a proxección social de ADECOM.
  • Participación pública ou suficientemente probada en ataques e atentados co obxecto de prexudicar o patrimonio cultural, arqueolóxico ou natural da Costa da Morte.
  • Participación pública ou suficientemente probada en actos de violencia ou discriminación contra as persoas pola súa condición de calquera tipo, incluídas as expresións de exaltación fascista, machista, racista, homófoba ou aporófoba.
  • Negativa reiterada e inxustificada ao abono das cotas sociais que lle correspondan.
A proposta de expulsión deberá incluír o nome da persoa ou entidade propoñente, da persoa ou entidade cuxa expulsión se propón, relación de feitos que motivan a solicitude asi coma a relación das probas (e no seu caso, testemuñas) que poidan corroboralas.

No momento que a Comisión Rectora recibe unha proposta de expulsión, comunicarallo no prazo máximo dunha semana natural á persoa ou entidade afectada, co obxecto de que no prazo dun mes contado desde a recepción do escrito, poida formular aquelas alegacións no seu descargo que considere oportunas, ben por escrito ou ben, previa solicitude expresa, nunha entrevista coa representación que a Comisión Rectora designe a tal efecto.

A partir dese momento, a Comisión Rectora dispón como máximo dun mes natural para deliberar e formular un ditame, tempo durante o que pode corroborar as probas, entrevistarse coas testemuñas, realizar as súas propias indagacións para recabar máis datos e probas, etc.

Finalmente, a Comisión Rectora emitirá por escrito un ditame razoado, coas seguintes conclusións posíbeis:
  1. Desestimada, por considerar incertos os feitos alegados.
  2. Desestimada, por non poder probar suficientemente os feitos alegados.
  3. Desestimada, por considerar certos os feitos alegados pero non revestir a suficiente gravidade.
  4. Estimada, por considerar certos os feitos alegados e revestir a suficiente gravidade.
A estimación suporá a inmediata suspensión de todos dereitos da persoa ou entidade afectada pola resolución.

Este ditame provisional seralle comunicado a persoa/s e entidade/s propoñente/s e afectada/s. No caso de que o comportamento censurado tivese trascendencia pública, comunicarase ademais no Boletín de ADECOM (respectando, no caso das persoas físicas, a protección dos datos de carácter persoal).

A seguinte Asemblea Xeral Extraordinaria levará obrigatoriamente un punto na orde do día para ratificar o ditame provisional da Comisión Rectora; tras expoñer as xestións realizadas pola mesma e ler o seu ditame, submeterase a proposta de expulsión a votación, coas seguintes posíbeis resolucións:
  • No caso de recibir a proposta de expulsión o apoio de ⅔ ou máis do electorado, a proposta considerarase estimada, elevando a expulsión a definitiva.
  • Ante calquera outro resultado, considerarase que a proposta foi desestimada, restituíndo desde ese momento todos os dereitos da persoa ou entidade afectada.
Tanto o ditame provisional da Comisión Rectora coma o ditame definitivo da Asemblea Xeral Extraodinaria poderán ser impugnados ante a xurisdición ordinaria.

Asinado en Corcubión, a 19 de xuño de 2021

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica