Nós

A Asociación en Defensa da Costa da Morte (ADECOM), con CIF G67797845 e nº de rexistro 2021/024798-1, xurde como unha iniciativa dos movementos sociais da Costa da Morte que se reúnen e acordan organizarse o 23 de xuño de 2020, en pleno ano da pandemia Covid-19, durante unha mesa de diálogo social convocada en reacción ao anuncio de que a Xunta talaría o Monte Pindo.

Despois de case un ano de debate, sinerxias e consensos para madurar esa idea inicial, constitúese formalmente ADECOM nunha Asemblea Xeral celebrada o 19 de xuño de 2021 en Corcubión, na que participan unha trintena de persoas a título particular ou en nome dunha vintena de entidades que suman unhas 700 persoas en practicamente todos os municipios da Costa da Morte.

Nesta Asemblea aprobaronse os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e a Comisión Reitora.

Comisión Reitora

  • Jorge Castelo Mourelle
  • Merche Díaz Mayán tesoureira
  • Yasmina Farhani Luaces
  • Juan Louro Cambeiro
  • Mario Maceiras Dosil, presidente
  • César Pérez Martínez
  • Héctor José Soto Santos
  • Lorena Suárez Pazos, secretaria

Dereitos e obrigas

Para formar parte de ADECOM, debes cubrir o formulario unete.adecom.gal ou ben descargar o formulario en papel e mandárnolo por correo-e a adecom.gal@gmail.com ou entregalo en man a calquera membro da Comisión Reitora. Isto leva aparellados os seguintes dereitos e obrigas:

- Persoas asociadas

A cota social é de 12€ ao ano para as persoas que se sumen individualmente, que terán un voto nas Asembleas.

- Entidades federadas

  · Entidades con 12 ou menos persoas asociadas

A cota social é de 12€ ao ano para as entidades con 12 ou menos persoas asociadas, que terán un voto nas Asembleas. 

  · Entidades con máis de 12 persoas asociadas

As entidades máis grandes aboarán anualmente unha cota social de 12€ e 2€ máis por cada múltiplo de 10 persoas que acrediten ter asociadas (como máximo 52€). De xeito similar, as entidades terán nas Asembleas un número de votos proporcional ao número de persoas que teñan asociadas. 

- Exención de cota

Por causa xustificada, poderase solicitar á Comisión Reitora a exención da cota social.

Servizos

Nestes momentos ADECOM presta os seguintes servizos ás persoas e entidades que se lle unan:

Procura da cooperación e sinerxias

Unha das principais misións de ADECOM é tecer redes e tratar de sumar aquelas entidades movidas por intereses comúns para que colaboren e cooperen entre elas, de feito que lles sexa máis doado acadar os seus obxectivos mutuos e mesmo se enriqueza e magnifique o impacto das súas propias iniciativas e posicionamentos. Deste xeito, ser parte de ADECOM garante estar en permanente contacto con outras entidades e persoas afíns.

Cesión de material

ADECOM pode prestar temporal e gratuitamente material que pode ser de utilidade para os colectivos que o conforman. Neste intre, estes son os materiais dispoñíbeis:

Carpa (temporalmente indispoñíbel)

Toldo de 3x3 m. para postos de recollida de sinaturas, información e venda de material, control e organización en eventos, etc. Consulta dispoñibilidade de mesas e cadeiras portátiles.
Dispoñibilidade: 1 unidade. Fianza: 30€.

Walkie Talkies

Emisoras de radio profesionais para coordinar roteiros, carreiras, concertos e eventos de calquera tipo.
Dispoñibilidade: 3 unidades. Fianza: 20€ cada unha.

Cámara de fototrampeo

Cámara de trampeo de disparo automático, con sensor de movemento, con luz infravermella e luz negra (absolutamente indetectábel). Rexistra data, hora e circunstancias ambientais. Só se cede para fotografía e videogravación de vida natural.
Dispoñibilidade: 1 unidade. Fianza: 100€.

Megafonía de coche

Equipación completa (altavoces, estruturas de soporte e equipo de son) para montar megafonía nun vehículo, e anunciar eventos.
Dispoñibilidade: 1 unidade. Fianza: 50€.

Megafonía portátil (non dispoñíbel)

Equipo de son portátil e completamente autónomo para dispor de megafonía en calquera lugar.
Dispoñibilidade: 1 unidade. Fianza: 100€.

Asesoramento a entidades federadas

Prestamos asesoramento gratuíto ás persoas que queiran poñer en marcha na Costa da Morte unha nova entidade social sen ánimo de lucro, ou dinamizar unha que xa exista, cuxos fins sexan compatibles cos de ADECOM.

Este asesoramento comprende -e non se limita a-: redacción de novos estatutos (ou a súa adaptación á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo), modelo de actas, regulamentos de réxime interno, de participación e de xestión dos datos persoais; elaboración de imaxe e manual de imaxe corporativas, lanzamento de web e redes sociais corporativas, rexistro de dominio e/ou aloxamento web, deseño de papelería, cartelería, pancartas..., estratexias de comunicación de campañas, convocatoria legal e organización de actos, asembleas e mobilizacións, etc... asi coma toda iniciativa que axude ás entidades sociais a medrar, consolidarse, socializar a súa labor e acadar os seus obxectivos.
 
No futuro agardamos chegar a prestarlles tamén asesoramento xurídico.
Destinaremos o 20% dos nosos ingresos por cotas sociais -cun tope dotacional de 3.000€- a un fondo solidario destinado a apoiar economicamente ás entidades sociais federadas que precisen recursos nun momento dado para financiar actividades e iniciativas compatibles coas finalidades de ADECOM. Para máis información sobre esta medida, consulta o Regulamento de Réxime Interno.

Axenda

As entidades federadas e persoas afiliadas poden empregar a nosa Axenda para divulgar as súas actividades compatibles coas finalidades de ADECOM, que tamén se preocupará de socializalas no seo da organización e fóra dela, na medida das súas posibilidades.

Asesoramento a ludópatas e vítimas da usura financieira

Grazas a un acordo con AYUCO, prestamos asesoramento gratuíto ás persoas que caeron vítimas das distintas formas de usura e estafa financieira: tarxetas revolving, microcréditos, cláusulas chan hipotecarias, accións preferentes, etc. Asi mesmo, axudamos ás persoas adictas aos xogos de azar.

Transparencia

Para promover a súa máxima claridade e confiabilidade diante da sociedade da Costa da Morte, ADECOM subscribe un compromiso de máxima transparencia e unha política de portas e fiestras abertas, mediante instrumentos coma os seguintes:

Boletín

A sociedade pode coñecer o traballo interno e externo de ADECOM grazas ao seu Boletín, xestionado pola Comisión Reitora, incluídas as súas finanzas, donativos e gastos superiores a 300€, etc. 

Datos persoais

Fixemos un gran esforzo por cumprir coa nova norma e habilitar un conxunto de instrumentos que faciliten o coñecemento total da sociedade sobre a forma na que ADECOM xestiona e protexe os teus datos persoais, e tamén habilitamos o exercicio dun extenso abano de dereitos sobre a información persoal que temos almacenada na medida en que che afecte: tes dereito ao acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento, a non ser obxecto de decisións individualizadas e á portabilidade dos datos. Podes informarte en detalle na páxina datos.adecom.gal.

Medios de comunicación propios

Para permitir unha comunicación coa nosa base social e co conxunto da sociedade, directa e sen intermediarios, habilitamos unha serie de ferramentas de difusión.

Páxina web corporativa

En adecom.gal podes seguir toda a nosa actualidade e actividade.

Redes sociais

A día de hoxe contamos con espazos nas seguintes redes sociais:

Revista Loaira

O Regulamento de Réxime Interno propón a creación dunha publicación propia en papel denominada Loaira.

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica