O Festival Atlántica de narración oral chega por primeira vez á Costa da Morte

O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica está de 10º aniversario, e celébrao espallando a súa influencia por todo o País, tamén (e por primeira vez) á Costa da Morte. E farao por partida dobre:o vindeiro sábado 2 de xullo no Hórreo de Carnota, da man de ADECOM, e o seguinte sábado, 9 de xullo, no Monte Pindo, de man dunha das nosas entidades fundadoras.

Sábado 2 de xullo, o hórreo de Carnota acolle o Atlántica Miúdo

O público infantil (+ 3 anos) e xuvenil está de noraboa, xa que este sábado 2 de xullo poderá asistir ao Atlántica míudo, con Paula Carballeira e o seu "Camiños de mar, terra e vento". 

Será a partir das 20:30 horas no conxunto privilexiado que conforman o Hórreo, o Pombal e a Casa Reitoral de Carnota, a carón da Igrexa de Santa Comba de Carnota. A asistencia é libre e gratuíta. 

Agradecemos ao arcebispado de Compostela a cesión do espazo.

Polos camiños da terra van quen queren chegar lonxe, de vagar, atopando atrancos, e persoas descoñecidas, e aventuras fantásticas ou pequenas peripecias, perigos, sorpresas.

Polos camiños do aire van quen adiviñaron como voar, coa axuda de paxaros ou alfombras, de vasoiras ou de rachas de vento.

Polos camiños do mar van quen esperan atopar illas misteriosas, música feita por ondas e sereas, baleas brancas, luras xigantes, tesouros que poden non ser de ouro nin de prata, senón de corais e criaturas das profundidades.

E os contos viaxan, de boca en boca, pola terra, polo mar e, sobre todo, polo aire.

Sábado 9 de xullo, o Monte Pindo recibe un espectáculo de altura

Algo máis esixente fisicamente, pois diríxese a xente experimentada en rutas de sendeirismo, e con reserva previa a piques de esgotarse, o sábado 9 de xullo o Atlántica subirá o Olimpo Celta da man da Asociación Monte Pindo Parque Natural con Avelino González e o seu "No tempo en que as pedras falaban". 

Avelino disporá do privilexio de utilizar o anfiteatro natural da Cova da Xoana ou Revertedemos, unha espectacular grota natural que perfora de lado a lado unha das serras do macizo.

Avelino González é actor, contador, tradutor e director. Traballou en teatro, televisión, cine e bares. En compañías como Ollomoltranvía, en espectáculos como Commedia, en películas como Heroína ou Gallego, en series de televisión como Padre Casares, Cuéntame, Hopital Central… e o seu labor teatral foi recoñecido con varios Premios María Casares. Cos contos xa percorreu Europa (Polonia, Alemaña, Suíza…) saltou o Atlántico (Cuba), e toda a península. Fixo dous espectáculos de contos para teatros. Un deles, Vento mareiro, foi o espectáculo máis representado en Galicia no 2005 e recibiu o Premio María Casares a Mellor Música Orixinal. Avelino González pódese atopar en teatros ou bares, na gran pantalla e na pequena (a da tele, e tamén a do ordenador). Pode parecer moita cousa e moi distinta pero en realidade é a mesma cousa: contar ou axudar a contar as de outros en distintos formatos.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica