O director do Parque de Megalitismo da Costa da Morte mira para outro lado ante a invasión eólica que ameaza o patrimonio

Simulación da panorámica dos Penedos, de prosperar o proxecto eólico (elaboración propia)

A Rede Galega Por un Rural Vivo vén de denunciar publicamente que o presidente do Parque de Megalitismo da Costa da Morte e actual alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón (PP), negouse a rexeitar a desfeita ambiental e patrimonial provocada polos eólicos na costa do seu municipio. 

O rexedor desestimaba unha moción presentada conxuntamente por BNG e PSOE que solicitaba á corporación o rexeitamento explícito da instalación de parques eólicos na Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, reclamando ademais do consistorio a defensa da integridade paisaxística desta excepcional área costeira e a solicitude aos técnicos municipais da elaboración de informes nesme mesmo senso dentro do trámite de consultas previo ao estudo de impacto ambiental como Administración pública directamente afectada. 

A instalación de parques eólicos por parte de EDP Renovables na área suporía un «dano irreparable» nun contexto no que se están a dar numerosas vulneracións cunha «afección paisaxística severa» a carón da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte, así como unha notable «afección aos recursos hídricos» e á propia Rede Natura en diferentes áreas de interese ambiental, así como a especies en perigo de extinción catalogadas como a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) e á subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher). 

Sen resposta de alcaldes e alcaldesas

ADECOM lamentaba hai unha semana a tibia -ou nula- reacción da maioría de alcaldías da Costa da Morte ante a ameaza que se cinxe sobre as cabezas da súas veciñanzas, e convidounas a lideralas e poñer couto á total falta de información sobre os proxectos, que as empresas aproveitan para impor as súas pretensións ás persoas perxudicadas polos mesmos. Mais polo momento as misivas dirixidas por ADECOM ás 15 alcaldesas e alcaldes de municipios da bisbarra afectados por novos proxectos eólicos non obtiveron resposta. 

Mobilización por aldeas libres de macroeólicos, este xoves na Coruña 

ADECOM subscribe e apoia a mobilización convocada polos colectivos que reaxen contra a invasión eólica, este xoves 15 de xullo ás 12:00 horas diante da Delegación de Goberno, na cidade da Coruña (praza de Ourense).



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Nace ADECOM en defensa da Costa da Morte

Coinciden na necesidade urxente de superar o monocultivo do eucalipto na comarca

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos o Monte Pindo contra a invasión eólica